Nunha xuntanza mantida o mércores, 20 de xuño, con Función Pública se nos comunicou as alegacións que ían aceptar (insuficientes). Comentan que procuraron atender en primeiro lugar as alegacións comúns a todos os sindicatos e que habería cousas que estaban de acordo en cambiar pero que, dada a urxencia de sacar xa os concursos, deixaríanno para futuros concursos. Aceptaron os seguintes cambios nalgúns artigos na liña do que lles propuxéramos:

  • Ampliación dos casos para ter puntuación por localidade de traballo no cónxuxe/parella de feito -sexa emplegado público ou do sector privado-, mais non teñen en conta as familias monoparentais.

  • Ampliación a 20 días o prazo de renuncia -antes poñían 10 días-.

  • Contar a permanencia desde a última adxudicación dun destino definitivo na escala de orixe en caso de integración (gardacostas).

No entanto, non recollen cambios nos criterios de baremación sobre a antigüidade, cómputo do traballo desenvolvido en función de nivel e grupo de clasificación, etc. que constiúen os eixos do concurso.

Desde a CIG valoramos como moi grave que nas bases destes concursos sigan a mater isto:

II. 2. Así mesmo, os/as traballadores/as que o desexen poderán solicitar os postos da súa escala que resulten vacantes a consecuencia da adxudicación dos postos ofertados no anexo I. A adxudicación dun posto a resultas está condicionada a que o solicitante non obteña ningún dos postos convocados no anexo I e a que o dito posto sexa de necesaria cobertura.


Función Pública asegura que se está a facer en concursos do Estado e de outras CCAA, e que teñen sentenzas que de T. Superiores que o amparan (non se nos achegaron as ditas sentenzas).

Ao non estar regulado o proceso polo que se decide que un posto deixe de ser de necesaria cobertura entre a primeira fase e as resultas, nin tampouco contemplarse a necesidade de amortización, poderiamonos atopar que se retiren do concurso (da fase de resultas) e despois se cubran con comisións de servizo.

Na xuntanza sobre as bases, demandámoslle a Función Pública que se retire ese inciso e obxectamos o uso arbitrario ao que se presta. Non só non hai cambios, senón que nin sequera introducen unha regulación mínima sobre quen, cando, como e con que consecuencias se aprecia o que deixa de ser de necesaria cobertura.

Desde a CIG non podemos aceptar que inclúan isto nestes termos (nin neste nin en futuros concursos) e estudaremos a posibilidade de xudicializalo.

Canto ao máis peliagudo no concurso de gardacostas, que son os requisitos de participación, manteñen o criterio inicial  de non permitir a participación das persoas que están en destino provisional.

Decargar como quedan as bases e postos ofertados