Na última Mesa Xeral o director xeral de Función Pública, e ante as nosas contínuas demandas dun cronograma de procesos pendentes (selectivos e de concursos), insistía en que a situación é complexa e non é o momento de facer convocatorias. Vaia por diante que somos conscientes da situación e da súa complexidade tendo en conta as encomendas que se están realizando, as asistencias técnicas que se siguen contratando, o decreto de integración ou os postos que se abren continuamente a outras administracións.

Porén, o que lle pedimos a Función Pública é un compromiso de facer pública unha previsión de datas dos procesos que xa están convocados, que están en proceso de negociación ou que hai intención de convocar. Comprendemos as inquedanzas tanto do persoal que leva anos agardando por un concurso, que concursou e non sabe cando vai tomar posesión, do persoal interino e do persoal de novo ingreso. Por iso, non cansamos de insistir en que todo este persoal ten dereito a coñecer de antemán as previsións que baralla Función Pública sobre o desenvolvemento dos diferentes procesos de cara a poder conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral.

Este compromiso foi solicitado recentemente a Función Pública na xuntanza do 20 de xuño e volverá a ser formulada formalmente na Mesa Xeral do venres, 22 de xuño.