O martes, 26 de xuño, houbo unha reunión co director de Función Pública, promovida e xestionada pola CIG, para que o colectivo de promotores de emprego do RDL 13/2010 e RDL 1/2011 expuxesen a súa problemática. A esta reunión, por iniciativa deste colectivo, acudiron tamén representantes de CCOO, UGT e CSIF.
 
Estas compañeiras e compañeiras, persoal funcionario interino, indicaron que as causas polas que os contrataron aínda persisten, que o seu nomeamento tiña unha data de finalización (31/12/2012), que non se cumpriu e que por isto teñen a súa situación no xulgado contencioso-administrativo. Outras das cuestión das que falaron foi dunha carta da ministra de emprego que indica que a resolución dos contratos é competencia das comunidades autónomas e que por isto presentaron un recurso de inconstitucionalidade vía Valedor do Pobo e que no diario de sesións do Congreso hai unha recente intervención dunha deputada do PP indicando que hai cartos para este fin.
 
 
Logo de que todas as OOSS presentes manifestasemos o noso apoio a este colectivo e concordásemos coas súas reivindicacións, o director xeral de Función Fública dixo que trasladará á conselleira de Facenda e á de Traballo o manifestado na xuntanza. Porén, non se compromete a nada porque excede da súa competencia tomar calquera decisión excepto a que o venres, a mais tardar, comunicacará ás OOSS o resultado das súas consultas con Facenda e Traballo.
 
Posteriormente houbo unha xuntanza de varias OOSS con este colectivo. Acordouse asinar un comunicado conxunto e, por parte da CIG, xestionar e convocar aos medios para unha rolda de prensa o xoves, 28 de xuño, na que, ao remate, se entregarán as sinaturas de apoio a este colectivo que se están a recoller desde a semana pasada.