No DOG de 18/06/2012 saiu publicada a orde que regulamenta a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de  225 prazas para mozos e mozas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar durante o ano académico 2012/2013.

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da xuventude que por razóns de estudo ou traballo se vexa obrigada a permanecer fóra do concello ou provincia onde ten a súa residencia familiar. O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 10 meses e estará comprendido entre o 1 de setembro de 2012 e o 30 de xuño de 2013.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza; ademais, nas residencias ofrécense unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos dos/as mozos/as residentes e de calquera outro que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG da orde.

Accede á convocatoria