Diante da proposta de modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública Galega, no que pretenden suprimir a obrigatoriedade de que, alomenos, unha das probas de acceso ás Administracións Públicas sexa en galego, as organizacións CCOO, UXT e CIG acordamos convocar unha concentración de delegadas e delegados para o vindeiro día 23 de xuño, diante do Parlamento, día no que se vai votar a modificación que se propón.

LINGUA GALEGA: DEREITO DOS CIDADÁNS, OBRIGA DO GOBERNO

As Organizacións Sindicais abaixo asinantes, coa representación maioritaria nas administracións públicas de Galicia consideramos que a proposta de modificación da Lei da Función Pública, levada pola Consellaría de Presidencia á Mesa da Función Pública e tratada no Consello da Xunta de 28 de maio de 2009, en que se acordou unilateralmente a devandita modificación e a súa aplicación aos procesos en curso, é un grave retroceso no proceso de normalización lingüística do noso idioma e un impedimento para a aplicación da Lei de Normalización Lingüística.

Os dereitos lingüísticos dos cidadáns de Galicia son irrenunciábeis e, por tanto, o poder lexislativo e executivo teñen o deber de garantilos, protexelos e impulsalos, na liña do consenso acadado no seu día e que agora rompe unilateralmente o goberno actual.

Debe considerarse que o uso da nosa lingua na Administración é un elemento de garantía para salvagardar os dereitos de uso do noso idioma por parte das administradas e administrados e forma parte dos principios de conduta das empregadas e os empregados públicos.

Rexeitamos que polo Goberno da Xunta se provoquen intencionadamente conflitos lingüísticos, probablemente para desviar a atención mediática de outros asuntos da súa responsabilidade.

Por tanto ESIXIMOS que non se modifique o artigo 35 da LFP e se manteña a obrigatoriedade de realizar unha ou máis probas dos procesos selectivos exclusivamente en lingua galega.  Para iso celebraremos unha concentración de delegados e delegadas das tres organizacións ante o Parlamento de Galicia o vindeiro día 23, data en que se debaterá esta modificación no Parlamento.

Compostela, 11 de xuño de 2009