As "Hijas del Divino Celo - Rogacionistas" lévanse a xestión privada do servizo de atención a 8 menores tutelados pola Xunta de Galiza no seu centro "San Aníbal" en Burela. O orzamento final adxudicado ascende a 104.504,75 € (IVE exento) por 245 días de prestación do servizo. Fonte

Día sí, día tamén, é habitual atoparse no DOG anuncios de contratación de xestión privada dos máis diversos servizos públicos. Neste caso o anuncio publicouse no DOG do 08/02/2012 e a formalización do contrato no DOG do 28/06/2012. Estes contratos resultan cando menos chamativos nun contexto no que a Xunta de Galiza di que "non hai cartos" e o emprega como argumento para amortizan prazas e pechar centros públicos. Podemos citar como exemplo o peche do centro público de menores de Montealegre (Ourense) ou o de Soutomaior (Ferrol). Porén, si hai cartos para a xestión privada destes servizos, ben a través de convenios, ben a través de contratos de xestión coma o das "Hijas del Divino Celo" ou de CLECE no "Terra de Ferrol".

Desde a CIG-Autonómica denunciamos que a demolición dos servizos públicos non obedece a unha cuestión exclusivamente orzamentaria senón a un concepto diferente de como deben ser prestados. Para o goberno do Sr. Feijóo os servizos públicos parecen ser entendidos como un negocio para as entidades privadas, entre as cales están, como destinatarias preferidas, diversas organizacións relixiosas que contan cunha diversa rede de centros sociais, educativos ou sanitarios.

Nota remitida aos medios