Desde a entrada de funcionamento da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) son varios os golpes de timón que se ten dado na organización de persoal e moitas veces nin os mandos intermedios saben que decirlle ás traballadoras e traballadores sobre cuestións tan sinxelas como onde van traballar, a quen teñen que solicitar as vacacións ou de quen dependen. Estas circunstancias fan que entre o persoal informático rebautizaran esta axencia como mAMTEiGA.

Desde o 13 de marzo, que a CIG solicitou por escrito información sobre a súa posta en funcionamento e a reorganizacion/recolocación dos postos de traballo afectados, fixemos varios contactos telefónicos con responsables desta axencia ata que conseguimos unha data para unha xuntanza: o 9 de maio. En principio nese día achegaríannos o proxecto de RPT que foi sucesivamente presentado entre o persoal informático e que causou bastante polémica na participación do persoal externo e máis na reconfiguración dos postos.

Recentemente, mandaron unha notificación, canto menos aos xefes territoriais, informando de que o persoal informático pasaría a depender da AMTEGA o 9 de xuño con efectos administrativos e o 1 de xullo con efectos económicos. Porén, de momento ninguén notificou aos traballadores e traballadoras afectadas ese cambio como soe ser habitual nun cambio destas características. Algo que non resultaría moi complicado de facer elctrónicamente e máis para a axencia que supón que vai asumir todas as competencias informáticas da Xunta de Galiza e os seus entes instrumentais.

Desde a CIG-Autonómica, na última Comisión de Persoal, expuxemos estas queixas e solicitamos que se lle comunique aos traballadores este cambio. Por outra banda, insistimos na necesidade de impulsar canto antes a negociación da RPT de xeito que non se nos presente unha proposta pechada.