O xoves, 28 de xuño, celebrouse unha rolda de prensa e posterior concentracion e entrega de sinaturas de apoio, máis do 2.000, no rexistro xeral da Xunta de Galiza en San Caetano.

Dende a CIG apoiamos as reinividacións deste colectivo formado por 109 traballadoras e traballadores que desempeñan as súas funcións nas oficinas de emprego do país. Hoxe, 30 de xuño, é o último día que traballarán, hoxe será o último día que desenvolverán a súa labor en cuestións de orientación e axuda a gran masa de persoas en paro deste país, hoxe irán á rúa porque a Xunta de Galiza non quere esforzarse en atopar unha solución para manter estes postos de traballo coma xa fixeron outras comunidades autónomas.

A Xunta enmascara isto cunha sinxela cuestión orzamentaria, insignificante, por certo, con relación aos gastos da Cidade da Cultura, por exemplo, pero está claro que, realmente, é unha cuestión de vontade política. Detrás da eliminación destes 109 postos de traballo está o proceso paulatino de privatización dos Servizos Públicos, neste caso, a substitución das funcións dos promotores de emprego por ETTs, non hai mais.

Dende a CIG amosamos a nosa solidaridade con este colectivo e coa súa labor.

Promotores e promotoras de emprego con delegados sindicais á entrada do Rexistro Xeral

Con data do 2 de xullo, as 5 organizacións sindicais asinantes do manifesto  en defensa dos/as promotores de emprego solicitaron unha xuntanza urxente coa conselleira de Facenda para estudar e expoñer as alternativas orzamentarias para que as/os promotores de emprego sigan realizando as súas funcións até o 31 de decembro.