Ante a nova publicada en varios medios de comunicación de que o goberno prepara un proxecto de lei para despedir a miles de empregados públicos, dende a CIG-Autonómica queremos denunciar que o goberno de Rajoy segue o camiño emprendido polo goberno de Feijoo, quen dende que chegou ao goberno xa amortizou e despedíu a máis de mil empregados públicos e foi tamén pioneiro nas medidas de recortes que nestes días se van anunciar, con carácter xeral, dende o goberno do Estado.

Como sabemos os traballadores públicos da Administración autonómica, a medida non supón ningún aforro, xa que o que se detrae do capítulo de persoal remata nas arcas de empresas privadas que van prestar o mesmo servizo pero a máis alto prezo, co conseguinte menoscabo das arcas públicas.

A idea de reducir a Administración, xerada pola FAES aplicando o modelo neoliberal, baséase en degradar a Administración Pública, detraer recursos humanos, económicos e financeiros para que as empresas privadas asuman eses servizos. Supón polo tanto unha privatización dos Servizos Públicos, que haberá que pagar ao sector privado e do que sacará pingües beneficios.

O goberno popular na Xunta de Galiza, como precursor destas medidas xa puxo en marcha un plan para reducir persoal, estatuíndoo mediante as leis de orzamentos e outras normas e mediante unha política de persoal restritiva. Ao mesmo tempo privatizou decenas de comedores escolares, Residencias de Maiores, servizos administrativos, centros de menores, centros de asistencia de discapacitados, Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, etc.

Dende a CIG-Autonómica rexeitamos que a Xunta de Galiza aplique máis medidas neoliberais encamiñadas a reducir o Público para xerar beneficios privados, fundamentalmente cando esta CCAA non se pode permitir pagar o que non ten a empresas privadas.