A CIG denunciu onte día 3 de xuño ante a Inspección de Traballo que a Consellaría de  Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contratou de xeito irregular o servizo de limpeza no Edificio Xudicial de Ourense.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contratou a empresa de limpeza Linorsa no Edificio Xudicial de Ourense para cubrir a praza dun posto de traballo catalogado como tal na Relación de Postos de Traballo (RPT) da propia Consellería.

A maiores disto, é un completo fraude para os milleiros de persoas que se apuntaron nunha lista de substitución para traballar en contratos pequenos, pagando unhas taxas de 16,98€ e que agora se atopan con que non poden traballar polo capricho de un señor, o Xefe Territorial da Consellaría de Traballo que, non sabemos que escuros intereses pode ter para sempre beneficiar as empresas privadas, en vez de cumprir a lei e contratar polos medios legalmente establecidos.

Isto constitúe unha contratación a todas vistas irregular, xa que unha empresa privada está a facer un traballo que lle corresponde ao persoal laboral da Xunta de Galicia, o que podería incluso chegar a ser unha contratación en fraude de lei ao substituír a persoal público por traballadores/as privados.

Dende a Confederación Intersindical Galega pedimos que se anule de xeito inmediato o contrato con Linorsa para realizar a limpeza no Edificio Xudicial de Ourense e  se proceda a contratar ó persoal necesario a través das listas de contratación da Xunta de Galicia, reguladas ao amparo do Decreto 37/2006.