Novas por contido

A Comisión Permanente, en convocatoria urxente celebrada o 9 de xullo manifesta o seu máis profundo REXEITAMENTO ao conxunto das REFORMAS de RECORTES adicionais que o Goberno do Estado español está barallando para aprobar no Consello de Ministros neste vindeiro “venres de dolores” e que se prevé afecten gravemente a toda a cidadanía e moi especialmente ás empregadas e empregados públicos.

Medidas como despedimentos ou cesamentos no persoal das Administracións ou recortes salariais van implicar unha diminución na prestación de servizos públicos, un novo golpe ás empregadas e empregados públicos e un afondamento na situación de crise ao aumentar as taxas de paro e provocar o descenso no consumo.

Baixo a presión do rescate á banca, Europa e o FMI esixen ao Goberno español controlar a débeda pública a toda costa. Non é que non haxa diñeiro senón que a preferencia está en pagar e seguir axudando ao sistema bancario, a pesar de que para iso haxa que seguir afogando á parte máis débil e vítima da crise, a que depende do seu traballo para vivir.

Co obxecto de dispor da información sobre este tipo de medidas e o seu impacto no persoal da Xunta de Galicia, en data de hoxe solicitamos, con carácter de urxente, xuntanza coa Dirección Xeral da Función Pública, co fin de que poña no noso coñecemento as reformas previstas polos Gobernos Central e Autonómico. De todos os xeitos, esta Xunta de Persoal solicitará que non se apliquen as medidas non básicas e que se compensen os efectos destas sobre o persoal propio, na medida no que os orzamentos o permitan e sendo posible aínda recortar noutros ámbitos absolutamente prescindibles para o mantemento dos servizos públicos.

Visto o xeito de proceder cos recortes, entendemos que o Goberno de España RIDICULIZA aos representantes da Función Pública autonómica, aos empregados e empregadas públicas a toda a cidadanía, filtrando a información dos recortes primeiro á prensa e por último ao congreso, as comunidades autónomas e aos propios afectados. Unhas medidas que nunca son negociadas ou moduladas polos representantes da sociedade ou dos traballadores, senón que se nos impoñen directamente.

Por último, queremos expresar a nosa solidariedade e apoio co resto de empregadas e empregados públicos doutros ámbitos e Administracións que están a levantar a voz, defendendo os servizos públicos e a nosa dignidade así como a necesidade da nosa figura para superar esta crise entre todos, sen deixar a ninguén atrás. Esta xunta de persoal ponse ao servizo das persoal que representa e organizará asembleas e mobilizacións para defender os dereitos dos empregados públicos, en particular, e da cidadanía en xeral.


Outras novas recentes

Mércores, 27 Marzo 2024

Concursos de traslados de consumo, axentes ambientais e gardacostas: admitidos/as-excluidos/as provisional

Dende a Dirección Xeral de Función Pública comunítanos que o vindeiro día 5 de abril publicarán en DOG as resolucións polas que se aproban as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas dos concursos para a provisión de postos de traballo vacantes de: Escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. Escala de axentes facultativos ambientais e axentes...
Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...