Desde a CIG nos están a chegar diversas queixas sobre algunhas cuestións que se están a formular con respecto a algunhas condicións de atención dos nenos e nenas usuarios da gardería de Vite.  Cómpre recordar que esta gardería ten un número de prazas reservadas para fillas e fillos do persoal da Xunta de Galiza dos Servizos Centrais.

Nomeadamente, entre outras cuestións, estase a contemplar a eliminación do almorzo para os nenos e nenas por razóns de igualar esta gardería coas condicións do resto de gardarías públicas. Entendemos que se se trata de igualar condicións, deberíase de facer tratando de ampliar as mellores condicións e non de mingualas ou perdelas, como é o caso actual.


Desde as seccións sindicais da CIG-Autonómica en Servizos Centrais xa nos puxemos en contacto coa Secretaría Xeral de Política social, solicitando que non se recorte ningunha das condicións de atención na gardaría de Vite. Entendemos que de recortar, a Xunta de Galiza ten moitas toneladas métricas para eliminar na Cidade da Cultura antes que xogar coas condicións e atención das nosas fillas e fillos.