O aprobado co Real Decreto-Lei 20/2012 non é un simple "recorte" ou "axuste", senón a confirmación de que estamos a vivir a ruptura do contrato social.

O RD-L contén vicios de constitucionalidade flagrantes. Non só se fan recaer de maneira desproporcionada as cargas derivadas do rescate dos bancos privados nunha parte concreta da poboación (empregados públicos, persoas dependentes e desempregados), senón que se baleira de contido o dereito á negociación colectiva mediante a reforma do EBEP, deixando sen eficacia a garantía constitucional da forza vinculante dos convenios colectivos, que agora poden ser suspendidos e modificados unilateralmente pola Administración, ao igual que os pactos e acordos do persoal funcionario. Tampouco parece conforme ao principio constitucional de igualdade ante á Lei que se contemple a posibilidade dunha compensación da paga extra só para o persoal funcionario daqueles sectores que teñen plans de pensións privados e non para o resto. 

Por máis abastanza, no mesmo instrumento polo que se expropia a paga extraordinaria a todo o persoal do sector público, se eleva o IVE (imposto regresivo porque grava o consumo e non a renda), mentres se rebaixa un 1% as cotizacións das empresas á Seguridade Social (poñendo en risco a financiación das pensións públicas) e se manteñen as bonificacións impositivas para a candidatura de Madrid aos Xogos Olímpicos de 2020, ao tempo que se mantén a amnistía fiscal aos defraudadores (para beneficio de evasores de capitais, traficantes de armas, mafiosos, proxenetas e outros xéneros de emprendedores).

O conxunto dos empregados públicos debemos ser conscientes de que a intencionalidade última destas medidas é desmantelar o sistema constitucional de relacións laborais e liquidar o Estado social e democrático de Dereito. Tamén debemos ser conscientes de que a loita nos tribunais contra estas medidas é necesaria pero non suficiente, xa que o poder político constituído está a desmostrar que se cambiará calquera norma que se opoña aos seus designios, como de feito xa se fixo coa recente reforma por vía de urxencia da Constitución de 1978.

Ao longo da Historia, os dereitos gañáronse nas rúas e plasmáronse nas institucións:  cando os dereitos se perden e as institucións vixentes non serven para defendelos, non queda outra alternativa que gañalos de novo nas rúas.