Así as cousas, é posíbel que as persoas autoras do roubo da nosa paga extraordinaria de decembro non previsen algunhas das consecuencias do seu delito; concretamente, o desfase temporal que esta situación provocará no Tesouro, xa que os ingresos por retencións de todo o persoal ao servizo das AA.PP. diminuirán respecto dos actuais polo menos dous meses antes de que obteñan o botín da nosa paga de decembro.

Como, ao advertir a situación, poden ter a tentación de tapar o burato atrasando ata o mesmo mes de decembro a regularización das nosas retencións, resultaría oportuno e conveniente que, dende xa, todo o persoal afectado se dirixa individualmente por escrito ao máximo responsable en materia de persoal no centro ou departamento no que cada un presta os seus servizos, recordando o que dispoñen ao respecto as normas tributarias reguladoras do sistema de retencións sobre os rendementos do traballo e solicitando o seu puntual e exacto cumprimento.

Hai que ter en conta ao respecto que, se na nómina de outubro non se tivese producido a regularización do tipo de retención, teriamos dereito a interpoñer reclamacións económico-administrativas contra as retencións practicadas, por excesivas, e a instar a rectificación das autoliquidacións (modelo 111) nas que estas se tivesen ingresado. A lea sería histórica.

Descarga a solicitude de regulación de retencións adaptado á nosa Administración e presentaa por rexistro.