O luns, 23 de xullo, Mariano Rajoy fixo unha visita sorpresa por San Caetano para tranquilizar os ánimos das traballadoras e traballadores públicos e recordar que "todo esto é polo ben de España" e que "hai que facer o que hai que facer".

Na súa apretada axenda polos xogos olímpicos de Londres, o presidente do Goberno decidiu acudir a apagar o lume dun dos focos quentes das protestas na Xunta de Galiza. Mariano Rajoy aproveitou para anunicar o seu novo paquete de medidas traído directamente do F.M.I. A visita discurriu con total normalidade e non houbo que lamentar incidentes. O presidente agradeceu a comprensividade do persoal da Administración autonómica, se ben recordou que lle "da o mesmo traballo quitar unha que dous e dous que catorce".

As persoas que non o tomaron precisamente ben foron as representantes da Administración que procederon a mandar a un policía para identificar ao Mariano Rajoy; de momento, sigue sen estar detido. Quen si o tomou mellor foi o ex-alcalde de Compostela que, desde a súa nova situación alonxada das tensións da política e rumbo a latinoamérica, intercambiou unhas palabras co presidente sobre a situación actual.

Agárdase que o presidente continúe a súa xira nesta semana e, polo que comentan desde Moncloa, pode que sexa acompañado polo Ministro de Facenda e Administracións Públicas, outro dos grandes ídolos das traballadoras e traballadores públicos. De momento, e só de momento, o Goberno di que non recortará o sentido do humor.