A CIG-Autonómica quere denunciar unha vez máis a actitude da Consellería do Medio Rural con respecto ás traballadoras e traballadores do SPDCIF.

A última ocorrencia dos irresponsables xefes desta consellería foi comunicarllea aos traballadores que a partir do luns 13 teñen cambio de cadrantes  e horarios de traballo  que  modifican de maneira unilateral, sen aviso previo e por suposto, sen negociación ningunha coas e cos representantes das traballadoras e traballadores,(os Comités de Empresa). De feito, nin tan sequera os comités de empresa das diferentes xefaturas territoriais tiveron información ningunha sobre esta última saída de ton.

Independentemente das accións legais que a CIG poida tomar por esta decisión unilateral, queremos que as traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia sexan conscientes da prepotencia coa que a Xunta de Galicia as/os trata e o desprezo que sente polos seus representantes elixidos democraticamente.

Recordemos que a modificación destes cuadrantes de traballo fai que a día de hoxe as traballadoras e traballadores non saiban o que vai pasar con días libres solicitados, xornada de traballo e incluso vacacións xa que a pesar de estar decidido con anterioridade, esta modificación deixa ás traballadoras e traballadores como monicreques nas mans da consellería.