Nun breve comunicado emitido hoxe, a Axencia de Modernización Tecnolóxica Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza infórmanos de que o persoal de servizos informáticos ao servizo desta axencia comenzará a trasladarse á Cidade da Cultura, a partires do 10 de setembro nunha primeira fase que durará unhas dúas semanas.

Desta volta e ao contrario do que sucedeu co cambio de dependencia a Axencia parece ser que terá o detalle de informar individualmente a cada traballador ou traballadora do seu traslado físico. Recordamos que a CIG-Autonómica xa denunciara en meses pasados a desastrosa organización dos recursos humanos e a falta de información ao persoal do proceso integrador.

Por outra banda, cómpre recordar que seguimos sen ter enriba da mesa negociadora o proxecto da relación de postos de traballo. Desde a CIG-Autonómica rexeitamos a total e absoluta falta de información sobre os cambios para o persoal que está implicando a implantación da AMTEGA e demandamos a clarificación dos criterios cos que se está a cabo a reorganización dos postos.

Por último, hai que denunciar neste novo movemento un intento da Xunta por xustificar as obras faraónicas da Cidade da Cultura e convertir un edificio de usos culturais nun improvisado espacio polivalente de centro de datos e tarefas administrativas. Entre o propio persoal xa se comenta "Seica hai que encher as pirámides do faraón; agardemos que non nos enterren vivos tal e como se facía no antigo Exipto".