A CIG-Autonómica vén de presentar un escrito con relación a diversos problemas cos que se atopa o persoal funcionario e laboral á hora de acollerse a determinados permisos recollidos la Lei da Función Pública de Galiza e no Estatuto Básico do Empregado Público.

Diversos departamentos territoriais e consellarías están a aplicar instrucións remitidas por Función Pública que o único que fan é restrinxir os dereitos recoñecidos na normativa vixente para o conxunto dos empregados e empregadas públicas. Neste caso, sen ir máis lonxe, denunciamos que a Xefatura Territorial de Traballo na Coruña non permite dispor do día completo cando se concorre a unha proba de aptitude ou exame final. A literalidade da lei di: “durante os días da súa celebración”, non entanto a Administración, baseándose nunha instrución de Función Pública só concede o tempo indispensable para a súa realización, pasándose a lei polo arco do triunfo e dando pé a discrecionalidades que a normativa non permite.

Este problema, e outros que están a xurdir, teñen como único culpable ao director da Función Pública, por manter en suspenso e totalmente paralizada a negociación sobre as Instrucións de Permisos, Vacacións e Licenzas. Todo iso sen ningún tipo de explicación e logo de ter comunicado que se ía retomar a principios de verán

A que agarda Función Pública para retomar o proceso negociador? Está agardando máis paus para as empregadas e empregados públicos? Ou é que tamén está paralizado (non sabemos se polo medo) co gallo da campaña electoral?

Dende a CIG-Autonómica esiximos que se continúe, canto antes, a negociación sobre estas instrucións, básicas e fundamentais para o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza.