Nin creación da escala C1 de axentes tributarios, nin máis prazas para loitar contra a fraude, nin rescate do servizo de recadación das mans privadas dos rexistradores da propiedade. Non rescatar o servizo inmediata e completamente supora unha perda de ingresos para a Xunta de 15 millóns de euros.

O presidente interino Feijóo, anunciou onte a bombo e prato a creación desta axencia. Anunciou tamén aos catro ventos o aforro e o aumento da recadación que esta axencia ía supoñer. E seguiu anunciando que se procedería a rescatar a xestión da liquidación dos impostos de sucesións, doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos que, até o de agora, estano a levar 42 oficinas liquidadoras privadas espalladas ao longo do país. Estas tramitan, por medio dos rexistradores da propiedade, un servizo público fundamental, sobre todo nestes tempos de crise económica.

Non entanto, o goberno da Xunta falaba hai uns meses dunhas 50 novas prazas e de crear tamén unha nova escala do grupo C1 de axentes tributarios. Onde queda todo iso? Logo de varios meses agardando semella que onde dixen digo dicía diego que agora só vai haber as prazas para as escalas técnica e superior de finanzas que xa están convocadas. Polo tanto, e a pesares de terllo solicitado nas alegacións correspondentes que presentou a CIG no seu momento, non aparece nada, absolutamente nada, do falado nas xuntanzas previas

Tampouco se aclara, de entrada, o rescate do servizo público; tal e como está a redacción actual, os rexistradores da propiedade poden seguir aproveitándose da xestión de impostos, o servizo público segue a ter unha xestión privada e a cidadanía galega continuaría estando á súa disposición cando teña que liquidar un imposto propio da Xunta. O contribuínte, no canto de ser atendido por persoal funcionario, por un servidor público, será atendido por unha subcontrata dun servizo fundamental para economía pública galega.

Enchéuselles a boca no seu momento falando do rescate dun servizo público e de creación de prazas, de novas categorías e escalas para o persoal funcionario da Xunta, continuamente apaleado por esta Administración hipócrita, pero á hora da verdade continuamos agardando.

Esiximos, desde a CIG, o rescate inmediato da xestión dos impostos da Xunta, o que suporía un gran aforro para as arcas públicas, que segundo o dito polo propio Feijóo chegaría a 15 millóns de euros en catro anos pero que na realidade podería ser moito máis. En 2011, logo de que a Xunta ofrecese unha política de bonificacións aos recadadores privados, os ingresos da Xunta por este concepto aumentaron en 40 millóns de euros. Xa está ben de tanto criticar a xestión pública, os datos indican todo o contrario, até Feijóo o di tamén, que a xestión pública é rendible para as arcas públicas.

Hai que falar menos e actuar máis, éncheselle a boca a Feijóo falando de austeridade, aforro, loita contra a fraude fiscal pero para recadar un 20% máis (segundo as súas propias palabras) non hai présa, disque todo vai para o ano 2013, non vaia ser que lle movamos o chiringuito aos rexistradores da propiedade. Os apuros son só para recortar os Servizos Públicos ou para dar caña ás empregadas e empregados públicos. U-las novas oficinas? u-las prazas de nova creación? u-la nova escala do C1? u-lo rescate dos servizos públicos?

Nota remitida á prensa