Chamamento a todas as compañeiras e compañeiros da administración autonómica. Somos empregad@os públic@s, non persoal do Partido Popular.

O persoal que temos xa un pouco de antigüidade nesta Administración, sabemos que en tempos de campaña electoral o partido gobernante (calquera) utiliza todos os recursos (sobre todo os humanos) dos que dispón a Xunta para facer campaña a favor deles. Neste momento tócalle ao Partido Popular e sabemos que son uns mestres nisto.

Sabemos que a Xunta está paralizada por mor das eleccións do vindeiro 21 de outubro. Sabemos que se están a parar expedientes ou a axilizar outros en función dos intereses políticos do Partido Popular. "Aquí non se asina nada", disque circula por varias consellarías. Sabemos que están poñendo a traballar na campaña, principalmente, a persoal en condicións laborais precarias (asistencias técnicas, por exemplo). Sabemos que os extensos gabinetes das consellarías están facendo horas a esgallo, recollendo datos, dando instrucións para que se leven a cabo liñas políticas que poidan beneficiar a campaña do Partido Popular e elaborando informes para atacar á oposición.

Nomeadamente, sabemos que están a recoller datos do período do bipartito (2005-2009) para, logo de pasalo pola depuradora ideolóxica, comparalos co período de Feijóo (2009-2012), manipulando os datos da mellor maneira posible, agochando o que non lles beneficie e enganando á cidadanía con datos que calquera análise un pouco profunda desmontará no seu momento.

Como sabemos que os gabinetes das consellarías, pagados con cartos públicos, o están a facer e aínda queda o peor, facemos un chamamento a todas as compañeiras e compañeiros para que denuncien calquera tarefa que lles queiran impoñer e que non sexa a estritamente relacionada cos Servizos Públicos.

O capítulo VI do Estatuto do Empregado Público, artigos 52, 53 e 54, regulamenta os deberes dos empregados públicos e, entre outros, indica que debemos de velar polos intereses xerais, actuar de acordo cos principios de obxectividade, neutralidade, imparcialidade, dedicación ao servizo público e absterse de levar a cabo tarefas que comprometan a neutralidade das súas funcións. Evidentemente, todas estas cousas non as entende o Partido Popular.

Advertimos tamén ao goberno da Xunta que, segundo a normativa antes citada, calquera orde ou instrución que constitúa unha infracción manifesta do ordenamento xurídico pode e debe ser denunciada.

Así mesmo, lembramos aos compañeiros e compañeiras (como se fixera falta) que o PP foi o que suprimiu a paga extra, eliminou os días de asuntos propios e vacacións, penalizou as incapacidades temporais, está preparar EREs na Administración e está impoñendo a maioría dos recortes que estamos a sufrir xunto con toda a cidadanía.

A CIG comunica que pon a disposición todas e cada unha das ferramentas de comunicación e os seus locais sindicais para clarexar calquera dúbida ao respecto ou denunciar calquera instrución sospeitosa que poida incorrer no que estamos a denunciar.

Se che piden datos “sospeitosos”, se cres que a instrución que recibes ten que ver coa campaña electoral, esixe a correspondente orde por escrito e acude á CIG. Denúnciao, non consintas a utilización da Administración en beneficio do PP.

POLA NOSA DIGNIDADE, POLOS NOSOS DEREITOS, POR UNHA ADMINISTRACIÓN AO SERVIZO DA CIDADANÍA, POR UNS SERVIZOS PÚBLICOS GALEGOS E DE CALIDADE