No DOG do 18/07/2012 publicase unha resolución da Secretaría Xeral de Medios, dependente da Presidencia, que aproba un incremento de crédito de 76.927,28 € para as subvencións aos medios de comunicacións en plena precampaña eleitoral.

No mes de xuño a CIG-Autonómica xa denunciara a enésima hipocresía do Goberno galego co mantemento intacto da partida orzamentaria para subvencionar aos medios de comunicación. No DOG do 08/06/2012 descubríamos que a dita partida non sufría recorte algún do ano 2011 ao ano 2012, senón que se mantiña en 1.720.035€.

Para as traballadoras e traballadores públicos resulta incomprensible que mentres recorta en servizos públicos e en dereitos laborais non só mantén, senón que o Goberno de Feijoo incrementa os gastos orientados exclusivamente para perpetuarse no poder. É máis, resulta ata repugnante o total descaro co que se realiza este incremento dada o momento preelectoral no que nos atopamos.

Este tipo de axudas xa son polémicas de por si fóra do escenario electoral xa que fomentan publicamente o "status quo" do actual escenario informativo no que os grandes grupos arrasan levándose a maioría de cartos das arcas públicas. Ao marxe desta polémica liña de axudas, atópase tamén outra serie de cantidades de difícil control que emanan en forma de diversas campañas de publicidade "informativas" (2,2 millóns Sanidade e os xenéricos, 1,2 millóns identidade Xunta, 800.000 € Innovación, etc.)

Todas estas cantidades condicionan moitísimo a liña editorial dos diferentes medios. Xa que logo, as contramedidas demandadas polas empregadas e empregados públicos entre as que se propuña acabar coas subvencións a prensa e a publicidade institucional non só suporía un evidente aforro senón un sano exercicio de democracia.

Desde a CIG-Autonómica non nos cansamos de denunciar o que consideramos unha dilapidación máis dos cartos públicos e solicitamos que se anule o dito incremento orzamentario motivado na "gravidade da situación" na que o propio Goberno da Xunta e de Madrid xustifica os seus recortes antisociais. Non sendo así, estaremos asistindo a un acto máis de auteridade hipócrita, ao que xa nos ten acostumbrados este goberno da Xunta que refrenda que o único que se pode facer para saír da crise é apretarlle o cinto á clase traballadora.