O 25 de setembro a Xunta eleitoral advirtiu a Feijoo do incumprimento da Lei electoral nos contratos do naval e do decálogo de dereitos das persoas maiores e ordena rematar coas campañas de publicidade. Agardamos o mesmo tratamento para o uso eleitoral da carta de servizos da avaliación de dependencia que denuncian traballadoras e traballadores da Consellaría de Traballo e Benestar.

Tan só un día antes, o 24 de setembro, chegaron ás dependencias do Edificio Administrativo en Ferrol  para ser repartidos entre a cidadanía uns folletos que se corresponden cos Carta de Servizos da que está a falar nos medios de comunicación o Sr. Feijoo, candidato do Partido Popular á Xunta de Galiza.

Este libriño correspondese, segundo nos indican ás traballadoras e traballadores da Consellaría de Traballo e Benestar, cunha das esixencias previstas para a implantación do Modelo Europeo de Excelencia na Xestión na Subdirección Xeral da Dependencia e nos Servizos da Dependencia e Autonomía Persoal. Mais a realidade é que publicado neste momento, a menos de un mes das eleccións autonómicas, e tratando temas de tanta sensibilidade para a maioría da poboación non pode menos que calificarse de promesas  ou propaganda electoral xa que no propio libro se lles denomina “compromisos”.

Non é de recibo e menos nesta comarca que fale da calidade do servizo de política Social cando pende sobre as traballadoras e traballadores da Dependencia a ameaza de amortización de 8 dos seus postos de traballo. Ademais, como se pode comprometer (ou prometer) nas cifras das que fala neste libriño cando nesta comarca os cidadáns teñen que padecer un tempo de espera de 800 días para a avaliación dunha discapacidade. Non entramos a valorar polo miúdo, a exactitude dos dados plantexados na Carta, ós propios traballadores/as terán moito que dicir acerca do que nós consideramos auténtica propaganda electoral.

Sr. Feijoo e Sra. Beatriz Mato déixense de gastar os cartos públicos en facer propagandas en tempada electoral e aposten por unha verdadeira política social e doten aos seus traballadores dos medios e recursos necesarios para atender ás demandas de valoración e atención dos sectores máis necesitados da nosa poboación porque despois de máis de 4 anos de demandas, do Comité e da Xunta de persoal, de ampliación da equipa de avaliación (unha soa equipa para atender a máis de 210.000 persoas no Eume, Ortegal e Ferrol)  veñen de contratar este mes unha nova equipa de avaliación para as tardes. Menos mal que estamos en período electoral.

E por último xa que fan este dispendio económico a cargo da Consellería de Traballo e Benestar, en edición bilingüe como corresponde a súa tan mentada política lingüística non se esquezan de promocionar a lingua galega e sobre todo dar exemplo de corrección no seu uso: Sr. Beatriz Mato vostede é Conselleira de Traballo e Benestar  e a Sra. Coro Piñeiro é Secretaria Xeral de Política Social aínda que o escriban en castelán.

*Nota remitida aos medios