Son moitas as cousas que se lembran da que fora Primeira Ministra do Reino Unido, Margaret Thatcher, destacando a Guerra das Malvinas. En política interna foi famosa a folga da minería, que durou un ano, e a súa teima por liquidar aos sindicatos para tratar de que remataran as mobilizacións, a protesta social e a oposición ás súas políticas.

O Real Decreto Lei 20/2012 aprobado polo goberno de Rajoy (o que eliminou a paga extra e impuxo múltiples medidas daniñas máis), contén un severo recorte de dereitos sindicais que tardamos centos de anos en conquerir.

O obxectivo é non so desartellar as organizacións sindicais senón impedir a capacidade de mobilización que temos recortando o crédito horario sindical e forzando a case imposibilidade material de asistir ás mesas de negociación, a organización de actos de protesta, as visitas a centros de traballo, o reparto de información, a elaboración de denuncias públicas. Isto pretende conseguilo o RD-L ao reducir á mínima expresión os dereitos sindicais.

Na Xunta de Galiza existe un Acordo de dereitos sindicais que se ven renovando dende 1988, hai 24 anos, e un Convenio Colectivo do persoal laboral que recollen estes dereitos. O RD-L 20/2012 ven a fulminar o acordo e o recollido no Convenio.

O goberno galego pretende agora que nos sentemos con eles a negociar unhas migallas de mellora respecto á esta situación en que nos deixa o Partido Popular no Estado. Negociación que queren utilizar para presentarse como goberno que aposta polo diálogo social. Negociación que pretenden utilizar para desacreditar a actividade sindical presentándonos como organizacións que só negocian o que lles é de repercusión directa.

Pola contra non queren negociar ningunha medida compensatoria da perda da paga extra, como fixeron xa algunhas administracións locais galegas, nin a compensación da perda das IT’s que eles levaron adiante antes que o goberno do Estado, nin a compensación horaria recollida no Convenio para o persoal laboral que traballa domingos e festivos.

Ante esta situación, a CIG-Administración Autonómica, con ámbito de representación no persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza (excluídos o persoal docente e estatutario), non se vai sentar co PP para validar ningunha negociación-trampa que só sirva para adecentar a imaxe de barbarie que se ven labrando o Partido Popular. E máis cun goberno que vai entrar en funcións.

So estamos dispostos a negociar globalmente co novo goberno que saia da urnas unha táboa que inclua:

  • Medidas compensatorias da supresión da paga extra.
  • Incapacidades temporais.
  • Compensacións horarias do persoal que traballa en domingos e festivos.
  • Dereitos sindicais.

Non imos caer na trampa de sentarnos só a negociar o último punto obviando as máis agresivas das medidas.

Mentras tanto que se apliquen aos dereitos sindicais os acordos, o pactado en Convenio e o resto do ordenamento xurídico, xa que non imos admitir ningunha chantaxe.