Novas por contido

A CIG-Autonómica de Ourense anuncia que vai recorrer a decisión por improcedente

A Xunta de Galiza vén de despedir a unha traballadora do servizo de limpeza da Consellaría de Presidencia en Ourense por ausentarse do seu traballo para levar a urxencias a súa filla enferma. Dende a CIG-Autonómica denunciaron uns feitos “inauditos” que vulneran os dereitos dos traballadores/as recollidos no Estatuto do empregado público, na Lei da Función Pública e no convenio colectivo de aplicación. Así mesmo, xa adiantaron que recorrerán a decisión por considerala improcedente.

Conferencia de Prensa nos locais da CIG de OurenseO pasado 23 de xuño a Xunta de Galiza comunicaba o despedimento á traballadora María Paio alegando que “non superara o período de proba”. Non obstante, a comunicación viña logo de que a traballadora se vise na obriga de ausentarse do seu posto para acudir á urxencias coa súa filla de 18 meses, ausencias comunicadas e debidamente xustificadas, segundo consta no propio expediente da administración.

“A proba que non superou é que non podes ir coa túa filla a urxencias”, criticou o responsábel da CIG-Autonómica en Ourense, Alfonso Diz, quen compareceu en rolda de prensa para denunciar publicamente estes feitos. Diz, que estivo acompañado pola traballadora despedida, o secretario do Comité Intercentros da Xunta, Xosé Lois Veloso, e o responsábel da sección sindical da central de laborais, Alfonso Diéguez, explicou que “é a primeira vez que nos atopamos cun grao tan elevado de represión dos dereitos dos traballadores e traballadoras”.


O responsábel da CIG-Autonómica en Ourense informou que a central xa se ten dirixido á Xefa Territorial de Presidencia e ao superdelegado, quen indicaron que non van readmitir á traballadora. Por este motivo, dende a CIG vaise presentar un recurso contra o despedimento por consideralo improcedente.


Neste senso, Diz aclarou que as razóns alegadas pola Xunta non son válidas, xa que a traballadora afectada, que levaba 23 días de contrato por substitución dunha baixa, ten unha relación laboral coa administración que supera os 60 días acumulados, polo que, segundo o estabelecido no Estatuto do empregado público, o período de proba xa fora superado.


Ausencias xustificadas


Diz apuntou que María Paio tan só faltou ao seu posto de traballo cinco minutos un día para recoller a súa filla da gardería, de onde lle avisaran que a nena tiña 40 graos de febre, así como os dous días seguintes para acudir ao pediatra e a unha nova consulta médica por urxencias.


Unha semana despois a nai da traballadora sufriu un accidente e tivo que ser trasladada tamén ao hospital, suceso que motivou que María Paio se vise na obriga de faltar ao traballo un día máis. “As ausencias están todas perfectamente xustificadas e foron comunicadas no seu momento aos responsábeis de persoal, tanto por teléfono como por fax”, apuntou Diz, quen destacou que esta mesma documentación aparece reflectida no expediente da administración.


Penalización de por vida


A situación xerada polo propio despedimento hai que engadirlle que a decisión da Xunta supón unha penalización para a traballadora durante toda a súa vida laboral que lle impedirá anotarse nas listas de contratación da administración.


Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.