O novo web da Presidencia do Goberno de España será xestionada polo propio persoal funcionario do ministerio.

Nun comunicado de prensa emitido o 1 de outubro o Ministerio de Presidencia informaba da inauguración da súa nova páxina web. Despois de tres parágrafos falando das principais novidades, chámanos a atención o último: Para o desenvolvemento deste proxecto contouse en exclusiva con recursos propios do Ministerio. A modificación da páxina web supoñerá tamén un importante aforro en custos ao pasar a súa xestión tanto técnica como de contidos ao persoal funcionario.

Desde a CIG-Autonómica levamos tempo e comunicados denunciando a privatización dos servizos públicos e en particular no ámbito das novas tecnoloxías, onde se soe deixar de lado o persoal propio para facer contratas moito máis caras con empresas amigas. Congratulámonos de que, alomenos neste caso, o Ministerio de Presidencia entrase en razón e agardamos que desde a Xunta en xeral, e na AMTEGA en particular, se tome exemplo e se aposte polos recursos propios no canto de polas amortizacións, a redución de xornada e os despeidmentos do persoal propio co obxecto de privatizar os servizos públicos.

Máis aló da evidente cuestión da carga de traballo necesaria para xustificar o mantemento dos nosos postos, atópase a necesidade dos servizos públicos como elementos de cohesión social pero tamén se atopa unha razón desde o punto de vista da "austeridade" na que coincidimos neste caso co Goberno: a privatización é máis cara, ademáis de xenerar precariedade laboral e dar peores servizos. E isto é así tanto no servizos informáticos, como nos servizos sociais, sanidade, educación...