Novas por contido

O Parlamento de Navarra aproba presentar recurso de inconstitucionalidade contra a supresión da paga extra de Nadal, co voto favorable de SN, Nabai, Bildu e I-E, a abstención de UPN e o voto en contra do PPN.

Están a ser distribuídas, varios modelos de reclamación ou recurso individual contra a aplicación da nova redución salarial aos empregados públicos que recollen os artigos 2 e 3 do RDL 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria.

A Asesoría Xurídica da CIG desaconsella ás empregadas e empregados públicos a presentación de reclamacións-tipo, polos seguintes motivos:

a) A supresión da paga extraordinaria non responde a unha decisión administrativa, senón que é consecuencia dunha lei. As administracións, organismos, entes ou empresas públicas non poden deixar de aplicar unha lei, polo que esas reclamacións están condenadas ao fracaso en vía administrativa.

b) A presentación de reclamacións-tipo pode ter consecuencias negativas. Se a administración emite unha resolución desestimatoria e esta non é impugnada xudicialmente, prodúcese un acto administrativo firme e consentido, de modo que a persoa reclamante non pode repetir a reclamación no futuro.

c) A presentación de demandas xudiciais, nomeadamente en vía contencioso-administrativa, pode acarrexar a imposición de custas procesuais. Ademais, unha sentenza desestimatoria produce o efecto de cousa xulgada, coas mesmas consecuencias, xa explicadas no punto anterior.

En todo caso, as reclamacións non poden dirixirse contra o real decreto-lei, senón contra os seus actos de aplicación e, particularmente, contra a redución en nómina da paga extraordinaria, que terá lugar no mes de decembro.

Dado que a supresión da paga extraordinaria foi acordada mediante Real Decreto-lei, o Tribunal Constitucional pode resolver sobre a súa conformidade a dereito. Para que este tribunal actue ten que ser algún dos suxeitos lexitimados -50 deputados, 50 senadores, o defensor do pobo ou unha comunidade autónoma- quen presente o «recurso de inconstitucionalidade» (art. 162 CE).

Neste sentido, o pasado día 27 de setembro, o pleno do Parlamento de Navarra decidiu recorrer perante o Tribunal Constitucional a supresión da paga extraordinaria de decembro dos empregados públicos, baseándose tanto na «inidoneidade constitucional» do decreto-lei para suprimir, a metade de exercicio, un dereito retibutivo básico, como na posíbel vulneración das competencias forais sobre función pública.

Se o Tribunal Constitucional estima o recurso de Navarra, declarando a inconstitucionalidade do decreto-lei, a sentenza beneficiará a todas as empregadas e empregados públicos, salvo a aqueles que, como consecuencia dunha reclamación individual, obtiveran unha resolución desestimatoria firme e consentida en vía administrativa, ou ben  unha sentenza desestimatoria con efectos de cousa xulgada en vía xudicial.

A CIG apoia todas as accións reivindicativas que se utilicen para mostrar o rexeitamento das empregadas e empregados públicos a un conxunto de medidas que constitúen un ataque sen precedente aos nosos dereitos individuais e colectivos. Non obstante, fai un chamamento á cautela para evitar resolucións desfavorábeis que poidan prexudicar as propias persoas interesadas.

Servizos xurídicos da CIG

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...