Dende a CIG-Autonómica convidámosvos a participar nunha marcha reinvindicativa a Montepío. Na mesma denunciaremos a situación actual dos Servizos Públicos e dos traballadores que os fan posibeis, despois de padecer o exercicio de Alberto Núñez Feijóo, centrado moi especialmente en recortar os dereitos das empregadas e empregados públicos e de convertilos nos paganos do despilfarro e mala xestión do seu goberno.

Nomeadamente pretendemos sinalar ao máximo culpable desta situación neste país e por iso imos á súa casa, casa que pagamos todos e todas, a fin de contas un edificio público dende o que se deciden, mandan e ordean todos e cada un dos recortes que sofremos como empregadas e empregados públicos.

A marcha está aberta a todo aquel que queira participar, a todo aquel e aquela que queira manifestar o seu rexeitamento perante todo o que está a suceder cos Servizos Públicos, contra esta política de desmantelamento sen fin.

Sairemos ás 16:30 dende San Caetano e ao chegar a Monte Pío faremos unha merendola a base chourizos, como símbolo do que está realmente a pasar, amenizada con música tradicional. O lema é "Leva o pan, os chourizos xa está alí", ou sexa, non falta pan, sobran chourizos.

Dende a CIG-Autonómica agradecemos a vosa asistencia a esta marcha na que queremos contar co voso apoio, a fin de contas, o pobo é quen mais ordena, iso é o que lle temos que dicir a Feijóo.

Descargar cartaz da convocatoria