No DOG do 18/10/2012 publicase o anuncio de contratación da xestión, en réxime de concesión, do centro de día para persoas con alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas de Pontevedra. O orzamento base de licitación con IVE ascende a 333.454,39 €.

No Boletín especial 21-0 facíamos unha recompilación dos máis de 125 millóns de euros que a Consellaría de Traballo e Benestar destinou para a xestión privada de centros públicos de servizos sociais. Precisamente é ista consellaría a que bate records de amortizacións en base a austeridade e a "falta de cartos". Porén, non hai austeridade nigunha cando se trata de xestionar a través de empresas privadas os servizos públicos.

Para a CIG a campaña de desprestixio do público (traballadores incluídos) ten un claro obxectivo: o asalto para os mercados da importante bolsa de negocio dos servizos sociais. Istas privatizacións abondan polo xeral nun descenso de calidade asistencial debido, en parte, á precarización das condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Non esquenzamos que o obxectivo principal dunha concesionaria dun servizo público é o beneficio.

Mentres que para os empregados públicos se fai contas ata co ar que respiramos e nos servizos públicos se cuestiona calquera gasto que se leve a cabo, para as subcontratas non hai ningún tipo de racionalización, estudo, cuestionamento ou crítica. Desde a CIG seguimos a denunciar este tipo de actuacións e volvemos a poñer enriba da mesa a nosa seria proposta de comisión de control sobre a externalización dos servizos públicos na Administración autonómica.