Novas por contido

Poucos días despois das eleccións, o presidente do Goberno galego está a realizar declaracións a diferentes medios de prensa a propósito da funcionarización dunha parte do persoal laboral da Xunta, promesa anunciada ao remate da campaña electoral.

O momento elixido non é produto do azar: o venres foi aprobado polo Partido Popular no Consello de Ministros o Real decreto 1483/2012, que lle dá luz verde ao despedimento de persoal laboral, incluído o persoal laboral fixo. No dito decreto, publicado no BOE do 30/10/2012, nin sequera se lle garante ao persoal laboral fixo unha preferencia de permanencia. Tampouco se garante a causalidade dos despedimentos que vaian realizar, xa que a propia Administración poderá producir os motivos económicos ou organizativos que lexitimarán o ERE.

O anuncio do presidente Feijóo suscita non poucas dúbidas: que vai pasar co o persoal laboral da Xunta non incluído nesa cifra de 6.000 funcionarizables? Están comprendidos todos os laborais fixos? A que se refire o presidente cando fala dos laborais que superaron unha proba? Unha cousa é apoiar a unificación do vínculo xurídico do conxunto dos empregados públicos da Xunta dándolles a todos a relación estatutaria de funcionarios, e outra moi distinta é que se funcionarice a uns e se deixe no aire ao resto do persoal laboral fixo, servíndolle de escusa ao Goberno de Feijóo para a privatización de todos os servizos prestados polo persoal que fique fóra da hipotética funcionarización.

Desde a CIG-Autonómica consideramos que sería riscoso apoiar por principio a funcionarización por lei dunha parte do persoal laboral fixo sen coñecer polo miúdo a proposta e sen contextualizalo no marco de despedimentos e reestruturación da Administración que se albisca no horizonte. O primeiro debe ser defender o emprego de todos e fomentar a unidade. Do contrario, a actitude dos traballadores vai ser de "sálvese-quen-puider" mentres se consuma o desmantelamento dos servizos públicos. Se o que pretende Feijóo fose realmente protexer os empregados públicos fixos ante eventuais despedimentos, o que debería facer sería apoiar a retirada ou a reformulación da reforma laboral que aprobou o seu partido.

Convidamos a todos os empregados públicos da Xunta a que lean con atención o novo artigo 135.3 da Constitución: mentres non haxa unha ruptura coas políticas austeritarias, a única certeza coa que debe contar todo empregado público é que o pago da débeda (a débeda contraída polo Estado ao socializar as perdas da banca privada) goza de prioridade absoluta. Todo o demais é secundario. Equivócase quen pense que a Mario Draghi, a Angela Merkel ou á Bundesbank lles vai preocupar o máis mínimo o vínculo xurídico dos servidores públicos do Estado español á hora de impoñernos novos recortes, por doloros que sexan.

Neste sentido, desde a CIG-Autonómica convidamos ao presidente Feijóo a que nos indique en que parte do papel mollado que é hoxe a Constitución de 1978 se recollería a garantía de emprego do persoal funcionario: o que di a Constitución é que o estatuto do persoal funcionario se aproba (e se modifica) por lei ordinaria. En cambio, apesar de que no artigo 37 da CE se garanten o dereito á negociación colectiva e a forza vinculante dos convenios, ao Partido Popular non lle supuso ningún problema aprobar unha reforma laboral que os baleira de contido. Que garantía poden ter os empregados públicos de que o PP non modificará o EBEP (igual que reformaron a Constitución) se, chegado o caso, Merkel e a Troika así llo esixen?

En resumo, desde a CIG-Autonómica sospeitamos que este anuncio de Feijóo non é para lle procurar seguridade no emprego ao persoal laboral, senón que é unha aposta para dividir aos traballadores da Administración ante os tempos que se aveciñan.

*Nota de medios

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...