Segundo informacións aparecidas na prensa, o Consello de Ministros está a ultimar un novo decreto sobre o calendario laboral, co obxectivo declarado de aumentar a "produtividade" e lanzar aos mercados a idea de que o Estado español está a "facer os deberes", suprimindo pontes e traslando algunhas festividades de carácter estatal aos luns .

De maneira escasamente acorde co principio constitucional de aconfesionalidade do Estado, os cambios no calendario laboral son produto de negociacións entre a vicepresidenta do Goberno, Sáenz de Santamaría, e o cardenal Rouco Varela.

Segundo informa "La Vanguardia", podería perderse a celebración no propio día de festividades como o Dia da Patria (25 de xullo, coa especial significación que ten para os/as galegos/as), ou do 1 de novembro. Rouco Varela tería acadado que o Goberno renunciase mesmo ao simbolismo de manter no propio día a festividade da Constitución de 1978 (6 de decembro) a cambio de manter como non laborable o día da Inmaculada Concepción (8 de decembro).

Desde a CIG-Autonómica rexeitamos a mensaxe tácita que se está a lanzar con esta reforma do calendario laboral, que unha vez máis vén a culpabilizar á clase traballadora da crise, neste caso, en razón do que supostamente sería un baixo desempeño por mor do número de festividades, cando os traballadores da maioría de Estados da UE goza de horarios e xornadas máis racionais e compatibles coa conciliación da vida laboral e familar.

Ao mesmo tempo, a CIG-Autonómica considera moi exemplificativo sobre o escaso pouso que deixou a Ilustración na conformación do Estado español moderno o feito de que o calendario laboral oficial dun Estado sedicentemente aconfesional se negocie cun cardenal, ben coñecido ademais polas súas posturas reaccionarias.

Fonte:


Descargar a Resolución sobre festividades 2013 do BOE 03/11/2012