Novas por contido

O pasado 31 de outubro tivo lugar a primeira xuntanza pola modificación da RPT da consellaría do Medio Rural e do Mar. Entre unha arañeira de documentación que nos entregaron ideada para poñer tachas á preparación seria da xuntanza, os responsábeis políticos da consellaría agochan mala fe na cobertura das xefaturas de distrito. Á vez, a CIG denuncia o extemporáneo da proposta en canto ás posíbeis consecuencias negativas para o concurso de traslados de corpos especiais.

Comezando por esto último, e coa experiencia que nos demostra que todos os gobernos reforman a estructura orgánica, advertimos aos responsábeis políticos do incongruente que sería aprobar unha RPT que podería quedar obsoleta en cuestións de días, e mais cando esta RPT afecta de cheo ao concurso de corpos especiais que se está a negociar xusto neste tempo. A RPT debería estar feita hai anos; agora fagan o que fagan vai producir perxuizos: paralizala é negativo, e aprobala tamén.

 

No relativo á cobertura dos postos de Xefatura de Distrito, poderíamos estar ante unha presunta prevaricación polo incumprimento dunha sentenza que ordena que ditos postos sexan cubertos mediante concurso de méritos, e non mediante libre designación como pretende a consellaría. Entende a CIG que pode existir un incumprimento consciente da sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo do 17 de decembro de 2008 que desestima o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que condenaba á administración da Xunta á cobertura dos 19 postos de Xefatura de Distrito a través dun sistema de concurso de méritos. Haxa prevaricación ou non, en todo caso hai abuso reiterado e a CIG estudará a súa impugnación xudicial.

Seguindo os criterios doutras RPTs, a CIG posicionouse contrario ás amortizacións de postos, á cobertura mediante libre designación tanto das xefaturas de servizo como dos postos de nivel inferior (como directores de centros de formación ou os xa mencionadas xefaturas de distrito), rexeitamos a apertura de postos a outras administracións mentres non haxa criterios de reciprocidade, e somos contrarios á limitación que supón a inclusión de requisitos imprescindíbeis de formación ou experiencia.

Dada a dificultade que supuxo analizar a deficiente documentación, a CIG adiantou algunhas outras alegacións como: a inaprazable reclasificación do persoal de incendios segundo o disposto no V Convenio Colectivo, o excesivo peso dos criterios de corporativismo en postos de xefaturas de servizo e de área sobre a profesionalidade e competencia, o noso rexeitamento á exixencia de doutoramento e experiencia para algúns postos, á necesidade de concreción nos postos de xeral/especial e a inclusión na RPT do acordo de pluses da consellería do Mar así como a homoxeneización do nivel dos biólogos.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.