A Xunta de Persoal de Servizos Centrais vén de facer público o seguinte comunicado de apoio á folga europea do 14-N e fai, ao mesmo tempo, un chamamento especial á participación das empregadas e empregados públicos para frear deste xeito as agresións políticas, entre outras, contra o emprego público.

PRONUNCIAMENTO DE APOIO – FOLGA XERAL 14N

Ante as políticas de recortes sociais e supresión de dereitos dos traballadores e traballadoras decretadas polo Goberno, a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia ACORDA:

APOIAR A CONVOCATORIA DE FOLGA XERAL PARA O VINDEIRO 14 DE NOVEMBRO DE 2012, no marco da Xornada de Acción e Solidariedade europea, esixindo ó Goberno o cambio da súa política económica e social que supoña:

- Poñer fin ós recortes sociais e esixir un cambio radical das políticas que se están aplicando para enfrontar a crise, porque

  • Non serven para crear emprego.
  • Agravan a situación económica e afúndennos na recesión
  • Renuncian a una política fiscal que mellore os ingresos do Estado
  • Debilitan a protección social e as políticas sociais
  • Contribúen a agrandar a pobreza e a exclusión
  • Prexudican á maioría da sociedade e solo benefician ás élites económico-financeiras


- Reivindicamos outra política que dea prioridade á reactivación económica e á creación de emprego, dedicando especial atención á mocidade, que aposte por outro modelo produtivo, un desenvolvemento sostible, un sector industrial máis dinámico con maior inversión en I+D+i, e un sistema educativo que garanta ao mesmo tempo calidade e equidade.

- Esiximos a reversibilidade da reforma laboral e que se reforcen as prestacións por desemprego, que se garanta a revalorización das pensións e que restablezan as políticas sociais e os servizos públicos como alicerces básicos do Estado de benestar.

- Promovemos a rexeneración dos nosos sistemas democráticos, que en Europa pasan por refundar a UE a partir dun novo contrato social, unha verdadeira unión fiscal, económica, política e sobre todo social. En España, a rexeneración pasa por esixir ao Goberno que someta a referendo as políticas que está aplicando e que non figuraban no seu programa electoral.

Por todo o anterior, animámosvos a participar con nos nesta folga porque só seguindo na loita poderemos darlle a volta a estas políticas de ataque, entre outras, contra o emprego público.