O anuncio da Dirección Xeral de Función Pública de ofertar 71 postos de traballo nas oficinas de emprego responde á petición da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellaría de Traballo e Benestar de dotar de persoal funcionario as oficinas por mor do colapso que se lle vai presentar cando o 31 de decembro sexan rescindidos os contratos de traballo dos 109 orientadores laborais do plan extraordinario que foran contratados en xuño do 2011.

Lembramos que o 30 de xuño deste ano foran despedidos -eliminación da partida orzamentaria na ley de orzamentos do Estado- 114 traballadores/as, funcionarios/as interinos A2 do plan extraordinario de orientación, formación profesional e inserción laboral. Xa que logo, a destrución de emprego no servizo público de emprego da Xunta de Galiza neste ano chega aos 223 traballadores/as.

Co obxecto de que o desmantelamento do servizo público de emprego non sexa tan evidente, a ocurrencia da Dirección Xeral de Formación e Colocación pasa por ofertar postos de código cero (non están na estructura da Relación de Postos de Traballo), vía comisión de servizo para unha "acumulación de tarefas" que non vai durar máis de 6 meses e que é máis que posible que non teña a resposta pretendida. Estes funcionarios/as en comisión non terían custe económico para a Consellaría de Traballo e Benestar,  xa que a retribución será polo posto de orixe.

A Consellaría manifesta que anda na procura de solucións para a prórroga dos 109 orientadores a rematar en 31/12/2012. Esta intención é totalmente falsa por canto xa están buscando o xeito de paliar o desmantelamento do servizo público con esta oferta de comisión de 71 postos de traballo.