A Xunta de Persoal de Servizos Centrais retoma as concentracións dos xoves negros cun novo calendario mobilizador até o 20 de decembro, semana na que padeceremos de xeito efectivo o secuestro da nosa paga extra. Nestes derradeiros catro xoves ata que se produza a fatal efeméride faise un chamamento especial á mobilización co obxecto de acadar diferentes aspiracións dos empregados públicos da Xunta de Galiza que son plenamente asumibles pola Administración dentro da situación económica actual, a maioría das cales non precisa nin de adaptación normativa algunha, somentes de vontade política para a súa aplicación.

Xunto con este calendario mobilizador levarase a cabo, desde a semana que vén ata o 20 de decembro, unha recollida de sinaturas que reforce cada unha das 4 causas que defenderemos estes 4 xoves que restan até o 20 de decembro. Desde a Xunta de Persoal acordouse tamén solicitar a participación e a implicación do resto de órganos de representación da Xunta de Galiza. Así mesmo, instarase á Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos a que a semana do 20 se coordine unha grande mobilización a nivel de todo o país.

A Xunta de Persoal de SSCC anima ás traballadoras e traballadores públicos e destaca que "pese a situación económica, hoxe en día, se loitamos xuntos podemos conseguir moitas cousas". Citan como exemplo que este xoves a concentración ía estar destinada “pola non laboralidade do día 24 e 31 de decembro coma no resto de Administracións”. A Xunta levaba tempo dándolle voltas sen contestar abertamente e aseguran que "só fixo falta un amago de mobilización para apurar e poñer en vermello estas datas no Portax" (sistema informático de xestión de permisos, vacacións e licenzas). En todo caso, a Xunta de Persoal asegura que "a loita segue aí e o dito dereito que gozan outras Administracións ten que pasar do costume a ser recollido nunha norma".

Este xoves, 22 de novembro, focalizarase a concentración de negro na demanda da flexibilización das vacacións, e pedirán "alto e claro" que non poñan máis atrancos a poder solicitalas por días soltos ou ben xuntalos cos escasos que nos restan de moscosos. A Xunta de Persoal chama aos traballadores públicos a acudir con prendas negras e material para facer ruído. Descargar cartaz

O movemento de traballadores públicos encardínase dentro do resto de movementos sociais de protesta contra os recortes e os apoia solidariamente. Aínda que cada sector conte coa súa problemática particular, léxitamente defendible, non fondo todas son consecuencias da mesma causa común: afogar a clase traballadora a favor dos grandes poderes financeiros.

Descargar folla de recollida de sinaturas dereitos non económicos

4 xoves, 4 causas: do posible ao improbable

 CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS:

  • Desbloqueo da negociación do Regulamento de vacacións, permisos e licenzas, no que se recolla a flexibilización da vacacións podendo xuntalas aos días de asuntos persoais e gozar delas en períodos inferiores aos cinco días. => CONCENTRACIÓN DE NEGRO XOVES 22 DE NOVEMBRO

  • Negociación de xeito inmediato do Decreto de xornada laboral, flexibilización e teletraballo; pola flexibilización universal e conciliación da vida laboral coa familiar e persoal; recoller con carácter normativo o que agora son tan só costumes como a non laboralidade do 24 e 31 de xaneiro, horario de verán e outras excepcionalidade na xornada laboral. => CONCENTRACIÓN DE NEGRO XOVES 29 DE NOVEMBRO

  • Axilización dos procesos de promoción interna, así como do restos de procesos selectivos pendentes e de provisión; demandamos o cumprimento do prazo legal para a convocatoria dos concursos de traslados (1 ano). => CONCENTRACIÓN DE NEGRO XOVES 13 DE DECEMBRO

  • Restitución dos dereitos que non teñen un claro impacto económico, sobre os cales ten potestade o Goberno da Xunta e non veñen impostos con carácter básico desde a Administración do Estado: recuperación dos días de asuntos propios eliminados e mantemento dos adicionais por vacacións segundo lexislación propia; xuices e fiscais manteñen 12 días ao ano=>. CONCENTRACIÓN DE NEGRO XOVES 20 DE DECEMBRO