Novas por contido

Aproxímase o Nadal e continúan as novidades: o Partido Popular retira a paga extra de decembro aos empregados públicos, o Papa Bieito XVI retira a vaca e a burra do Belén, e CSIF retira os días 24 e 31 do calendario laboral.

Neste sentido, vimos de recibir un sorprendente correo onde o sindicato CSIF nos informa de que, grazas ás súas xestións, a Xunta confirma que os días 24 e 31 de decembro a Administración "estará pechada".

O que esqueceron mencionar é que tradicionalmente, no ámbito da Administración da Xunta de Galiza vénse dispensando á maior parte do persoal de acudir ao traballo os días 24 e 31 de decembro, e sobre todo, que esta dispensa do traballo os días 24 e 31 de decembro estaba garantida con forza de lei para o persoal laboral no V Convenio, até que foi suspendido neste e noutros extremos pola Lei de medidas aprobada polo PP.

Hai que lembrar, por outro lado, que o persoal da Administración Xeral do Estado vén gozando dunha regulación estable na que se recollen o carácter especial dos días 24 e 31 de decembro e a xornada de verán. A natureza consuetudinaria do tratamento que se lle daba a estas datas no caso do persoal funcionario da Xunta producía todos os anos ao aproximarse o Nadal un aluvión de consultas ás organizacións sindicais. Este ano, e dadas as circunstancias, ocorreu o mesmo.

Desde a CIG esiximos en innumerábeis ocasións que se declarase o carácter de día non laborable dos días 24 e 31 de decembro. Cónstanos ademais que o mesmo fixeron outras organizacións sindicais e órganos de representación.

Porén, agora nos enteramos polo CSIF de que a Administración atendeu só os pedimentos do propio CSIF: paradoxalmente, a única organización representativa no ámbito da Xunta que non secundou a folga xeral do 14 de novembro, a pesar da aprobación do real decreto que permite despedir ao persoal laboral fixo, a pesar da incautación da paga extra e da supresión dos moscosos, a pesar dos continuos ataques á dignidade dos empregados públicos... agora corre a tratar de se apuntar indebidamente un tanto diante dos traballadores.

Como se o motivo de que Función Pública recuase e mantivese o tratamento tradicional dos días 24 e 31 non fose o éxito da folga do 14N entre a maioría dos empregados públicos da Xunta, nin as concentracións e mobilizacións dos traballadores, senón as xestións de despacho de CSIF.

Grazas, CSIF.

NOTA: a Dirección Xeral da Función Pública confirmoulle á CIG que os días 24 e 31 de decembro terá o mesmo tratamento que en anos anteriores, algo que xa se pode observar no PORTAX. Función Pública confirmounos así mesmo que trasmitirá esta decisión a todas as consellarías, para o caso daquelas persoas que non poidan acceder á xestión de permisos a través deste sistema.

Estamos pendentes de que desde a Dirección Xeral de Función Pública se nos informe sobre o tratamento aplicable tanto aos empregados públicos destinados no Rexistro da Xunta -ao manteren o 24 e 31 de decembro o carácter de días hábiles para efectos administrativos- como a todo o persoal destinado en servizos que funcionen ese día e que teñan que traballar, aos que desde a CIG demandamos que habería que aplicar unha compensación horaria.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...