Se Navarra, Euskadi ou Extremadura, con peores cifras de déficit, van pagarlle a paga extra aos seus empregados públicos, por que en Galiza non? Iso é o que formula a Xunta de Persoal de Servizos Centrais co escrito remitido á consellería de Facenda. Para referendar este solicitude inician unha campaña de recollida de sinaturas de apoio entre as traballadoras e traballadores públicos aos que animan a colaborar.

Hai que ter coidado coas palabras pronunciadas e ás do recén investido Presidente da Xunta se aferran os empregados públicos recordándolle que en campaña eleitoral presumiu das magníficas cifras de déficit público de Galiza. Por outra banda, nunha entrevista en V Televisión do 17 de outubro, Alberto Núñez Feijoo recoñeceu que o "erro" que supuxo quitarlle á paga extra aos empregados públicos.

A Xunta de Persoal comeza o seu escrito facendo referencia ás últimas actuacións levadas a cabo polos Gobernos de Navarra, Estremadura e País Vasco así como moitos concellos españois relativas ao pagamento, en xaneiro do vindeiro ano, da paga extraordinaria de Nadal dos empregados públicos.

Achegan datos económicos nos que tan a miúdo tirou en campaña o Presidente da Xunta como balance da súa xestión nos últimos 4 anos: "os datos publicados polo Ministerio de Economía no mes de setembro que reflicten o cumprimento do déficit público galego (1,07%), moi por debaixo do obxectivo máximo fixado polo Goberno Estatal (1.5%) e dos datos relativos aos das Comunidades sinaladas, que poñen de manifesto un déficit público dun 2,50% en Navarra (desprezando a parte de recadación dos tributos propios que como Comunidade Foral lle corresponde) e 1,89% en Estremadura"

Abondan neste análise tendo en conta as diferentes situacións entre comunidades recordando que "se ben a adopción desta medida en Estremadura se basea na Sentencia do TC pola que se estima o recurso interposto sobre o imposto sobre depósito das entidades bancarias e obriga ao Goberno Estatal a pagarlle 240 millóns de euros, esta inxección económicas nas arcas estremeñas suporían unha redución do seu déficit en, aproximadamente, medio punto, quedando igualmente por riba do déficit galego".

A Xunta de Persoal insiste que "a dita acción non incumpriría os preceptos sinalados no Real Decreto-Lei 20/2012,  que suprime o seu pagamento durante o ano 2012, e estaría dentro da capacidade de autogoberno e competencias propias na materia atribuídas á Comunidade Autónoma de Galicia."

Por último, de novo, recorda que "esta medida significaría poñer en circulación a retribución solicitada nas datas de Nadal, o que suporía un incentivo do consumo nuns momentos especialmente difíciles para o sector do comercio"

Desde a Xunta de Persoal manteñen tamén a campaña "4 xoves, 4 causas" na que se reivindican melloras nas nosas condicións laborais e nos nosos lexítimos dereitos colectivos, unhas melloras que non implican incremento do gasto económico. Mantéñense as concentracións de negro dos xoves ata o 20 de decembro como apoio visible a estas dúas campañas: recuperación da paga extra e defensa de dereitos non económico.

Desde a CIG apoiamos esta campaña e facemos memoría das seguintes palabras á Alberto Núñez Feijoo no programa de VTelevisión do 17 de outubro recordándolle que "rectificar é de sabios".

Na miña opinión unha cousa que fixemos rematadamente mal é a paga extra dos funcionarios, non é razoable o que fixemos. Non podemos quitar a paga extra de Nadal porque vai directamente ao consumo e produce unha diminución no momento precisamente de maior consumo. Manifestei, dentro do meu partido, que fora un erro e que iso non se podía facer.(Ligazón programa VTelevisión: a partir do 27:06)

Colabora!

Descargar folla de recollida de sinaturas paga extra

Descargar folla de recollida de sinaturas melloras non económicas