Os traballadores e traballadoras da Administración da Xunta de Galiza e os da Administración Central en Vigo imos colaborar coas organizacións sociais na entrega de víveres para paliar a situación de pobreza extrema na que se atopa unha grande parte da sociedade viguesa. A recollida de víveres será o mércores, 5 de decembro, ás 11 horas, na praza da Estrela.

As empregadas e empregados públicos sufrimos nestes últimos anos uns recortes que superan o 30% das nosas retribucións, perda de dereitos sociais e laborais acadados ao longo de moitos anos de negociación. Aínda así, e antes de que sexamos nós quen teñamos que acudir aos bancos de alimentos (pois pensamos que o goberno do PP continuará cos recortes, baixadas salariais, despedimentos..), solidarizámonos con aqueles cidadáns que están a pasar fame por mor destas políticas neoliberais. O día 5/12/2012, achegaremos víveres (lentellas, arroz, garavanzos, galletas, pasta, leite, conservas, aceite, produtos navideños, etc).

 

Queremos facer denuncia pública do empobrecemento brutal da sociedade como consecuencia das medidas económicas adoptadas polos gobernos do PP (Estado e Xunta) que masacran á maior parte da sociedade en troques de beneficiar aos máis ricos.

Solidarízate e participa.