Dende a CIG-Autonómica consideramos moi grave para os intereses dos/as empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza a confirmación no cargo das persoas que levaron adiante as políticas de recortes de dereitos e privatizacións no seo da Administración galega.

Para os empregados públicos/as  da Administración da Xunta, o novo goberno vai significar o manter unha liña continuista coas políticas de recortes, tanto salariais como de dereitos. E supón tamén a confirmación de que a política do novo goberno vai seguir pasando por unha política salvaxe de privatizacións de servizos públicos.

A promoción de Alfonso Rueda á Vicepresidencia, xunto coa confirmación no cargo da conselleira de Facenda, deixa claro que o camiño que vai levar este goberno vai ser a paralización total das ofertas de emprego público, dos concursos de traslados, da carreira profesional, e en cambio vai significar unha Administración Pública invadida de asistencias técnicas, de clientelismo e un intento máis de intentar poñer a Administración ao servizo do Partido Popular en vez de ao servizo dos cidadáns.

En definitiva, non podemos máis que valorar negativamente e sumamente nocivo para os intereses da Administración galega e dos empregados públicos a promoción do ideólogo dos recortes ao cargo do Vicepresidente e a confirmación no cargo dos/as conselleriros/as que basearon a súa política en recortes, privatizacións, destrucción de emprego e paralización da Administración.