"O feito de xuntar a dispoñibilidade das aeronaves e a prestación do servizo das brigadas helitransportadas permite optimizar funcionamento e custos".

Coa demagoxia  deste argumento a Xunta de Galiza ven de confirmar a privatización das brigadas helitransportadas do SPDCIF para as precampañas e campañas dos anos 2013 e 2014 por un importe total de doce millóns trescentos oitenta e oito mil douscentos cincoenta e catro euros con oitenta e oito céntimos (12.388.254,88€).

Deste xeito, confírmase o proceso de  privatización do SPDCIF que a CIG-Autonómica denuncia dende o ano 2010, ano no que a Xunta de Galiza comezou o desmantelamento progresivo do SPDCIF como servizo público ao servizo dos intereses da cidadanía e do noso país coa adxudicación á empresa privada Natutecnia da contratación do servizo de optimización da prevención de incendios forestais mediante a planificación estratéxica e a coordinación operativa. Na campaña de incendios deste ano a Xunta de Galiza volve a dar entrada a empresas do sector privado como Inaer e a xa coñecida Natutecnia, empresa encargada desta volta da xestión, contratación e dirección das brigadas helitransportadas así como das súas bases.


A todo isto temos que xuntar a contratación de traballadores e traballadoras a través de Seaga, Tragsa, as brigadas GRUMIR dos concellos e a participación do exército español a través da UME, en detrimento do persoal propio e eventual do SPDCIF, tal e como quedou reflectido no Pladiga 2012, no cal se constatou unha diminución de persoal eventual para a campaña de verán en 2.000 traballadores/as (un 68%) con respecto ao ano 2011, ao que se uniu a escaseza do persoal propio do SPDCIF, cun 15% de prazas vacantes e entre un 7% e un 8% de prazas libres por baixas por incapacidade temporal.

O conxunto destes datos non invitan ao optimismo, todo o contrario.  Esta situación supón unha fragmentación manifesta e intencionada do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais coa única intención de precarizar cada vez máis o servizo e así ter unha excusa perfecta para proceder á súa total privatización e posta en mans de empresas privadas, cuio único fin é lucrarse e gañar cartos, co subrecusto engadido que esto supón para o erario público.

Con actuacións deste tipo, a Xunta de Galiza súmase, unha vez máis, á política de privatizacións e recortes que o desgoberno do PP de Rajoy está a levar a cabo para arrasar con todo aquelo que teña carácter público, para deixalo en mans das empresas dos amiguetes.

Asemade, con esta privatización a Xunta de Galiza está a obviar  aspectos tan fundamentais para a CIG Autonómica como son a defensa dun verdadeiro servizo público de prevención e defensa contra os incendios forestais posto ao servizo da cidadanía, a profesionalización e modernización do dispositivo, a contratación do persoal temporal a través das listas de contratación da Xunta de Galiza e o mantemento dun único mando operativo en mans dos órganos directivos da consellaría.

Dende a CIG Autonómica reiteramos o noso rexeitamento absoluto á privatización dun servizo público básico para a cidadanía como é o SPDCIF e manteremos a nosa loita na firme defensa dos dereitos laborais e as condicións de traballo do persoal ao servizo do SPDCIF.

Nota de prensa enviada aos medios