O mércores, 12 de decembro, tivo lugar unha xuntanza previa á Mesa Xeral para tratar a proposta da Facenda para o que será o futuro buque insignia da consellaría: a nova Axencia Tributaria Galega. Durante a instrución do Decreto de estrutura prometeuse a creación de 50 novos postos dunha nova escala c1 de axentes tributarios. Trala presentación da proposta da RPT comprobamos que detrás hai unha contrapartida moi grande: a falta da carreira administrativa, sobre todo, para os corpos xerais.

A primeira sorpresa coa que nos atopamos é unha perfilación moi detallada dos postos de nivel, sendo a máis acusada as xefaturas de negociado que quedan pechadas exclusivamente a C1 e co mérito de “experiencia tributaria”. A intención da consellaría é que estes postos sexan a semente da futura escala C1 de axentes tributarios. Asegura que teno que facer así porque non lle da tempo a crear a escala antes do concurso de traslados de corpos xerais que será no primeiro trimestre do 2013. E aquí é onde comeza a polémica.

En primeiro lugar, a orde lóxica é crear a escala por lei onde se establecerá, entre outros, os seus requisitos e as formas de acceso e, unha vez creada, modificar a RPT correspondente; facelo ao revés pode crear problemas de inseguridade xurídica para as persoas que ocupen os postos afectados. En segundo lugar, chama a atención que a axenda dunha axencia políticamente tan importante coma esta lla marque os postos que saen ou deixan de saír nun concurso de traslados cando é de dominio público que nunca saen todos os postos vacantes e unha das escusas (que non sempre se chega a cumprir) é a “próxima modificación substancial ou amortización do posto”.

A consellaría pretende blindar estas xefaturas de negociado para que no concurso non chegue ninguén co perfil “inadecuado”; actualmente non existe ningún A2 nesas xefaturas de negociado e os C2 e C1 que están xa teñen a experiencia. A consellaría interpreta que pechar as xefaturas a C1 non é unha modificación substancial do posto e por tanto non ten porque ser suprimido e creado de novo e pode deixar adscrito definitivamente no seu lugar mesmo a un C2.

Desde a CIG sostemos que non se pode xogar coa xente en base de simples interpretacións e pedimos canda menos un informe de Función Pública que a avale, xa que albiscamos unha máis que probable xudicialización do tema. A consellaría responde que o informe virá despois e xa o auguran positivo pois foi a propia Dirección Xeral de Función Pública o que así llo aconsellou. Outra cousa moi diferente é cando e como se cree a futura escala e que corresponda exactamente ao que aquí se está propoñendo, o cal pode volver a crear unha situación de inseguridade xurídica que á consellaría non parece preocuparlle.

Outros casos que denotan esta perfilación dos postos de nivel son o peso específico que perden as prazas abertas a corpos xerais na RPT tamén nas seccións, o peche dos diferentes postos de niveis a corpos e escalas concretas, o exceso de experiencia como mérito en case todos os postos, etc. Desde a CIG consideramos que debe existir un equilibrio entre as necesidades da futura axencia e a posibilidade real de promoción do persoal. Do mesmo xeito, pode e debe darse cabida aos corpos xerais para funcións que coa suficiente formación poden chegar a desenvolver perfectamente. Por último, para a CIG a opción pasa pola formación e non pola experiencia como mérito, xa que é a única que permite rachar coa endogamia laboral e facilita a mobilidade profesional.

A importancia capital desta perfilación dos postos de nivel radica en que preto do 55% dos postos desta nova axencia son “xefaturas de”. Por outra banda e pese a redución de LDs, a proposta de RPT contén 39 postos de libre designación para xestionar un total de 390 traballadoras/es. Isto é un 10% do persoal ou, noutras palabras, haberá unha libre designación para controlar a cada 9 traballadoras/es. Unha ratio que dista moito dos que acostumamos ver, por exemplo, na Administración xeral do Estado.


Cambios drásticos nas Delegacións

É nas Delegacións onde se producen os cambios máis drásticos: dos 32 postos amortizados, 16 están non vacantes; destes 16 postos, 15 están ocupados por persoal funcionario e 1 por persoal interino. Tamén nas Delegacións, en concreto en Ourense, se producirá a única amortización dun posto ocupado por persoal interino .

O futuro deste persoal sería quedar adscrito provisionalmente a unha das novas prazas que se creará na propia axencia e a obriga de participar no vindeiro concurso de traslados. Porén, en base ao dereito que recoñece o Decreto de “quedar na mesma situación de orixe”, sempre e cando se lle poida dar a adscrición nun posto do mesmo nivel, esta adscrición será definitiva.

A xustificación que dá a consellaría é que estas amortizacións se producen por unha recentralización de certas competencias; é dicir, as funcións que antes se levaban a cabo desde eses postos van ser concentradas nos Servizos Centrais da Axencia. Porén na xuntanza saíron datos de seccións que levaban esas mesmas funcións pero que non tiñan nome xenérico no posto ou ben estaban cubertas por persoal da escala de finanzas e que non se suprimen, senón que se modifican. Isto xera un agravio coas compañeiras e compañeiros de seccións de corpos xerais que, facendo funcións similares, poden verse obrigados a concursar se a consellería non lles atopa unha solución nesta RPT.

Atopámonos ante unha situación moi grave pois o que nun primeiro momento se nos vende como unha cuestión de reorganización funcional parece atoparse determinados tratos de favor. Instamos á consellaría a que revise isto e que dea un trato homoxéneo aos postos en función das súas competencias e non das persoas que os ocupan.

O resto dos postos de “xefaturas” de corpos xerais que non son suprimidos, fican dependendo organicamente debaixo da persoa titular da Delegación. Porén, a previsión é que as tarefas “xerais” sexan concentradas finalmente nos Servizos Centrais, co que nos atoparíamos, para o 2015, cun novo escenario de amortizacións e reorganización administrativa.

En canto a xestión do persoal, a consellaría cree que para entón a maioría do persoal que ocupa estes postos podería estar próxima á xubilación. Porén, está claro que para o resto ficará unha reasignación de persoal case seguro fóra da axencia.

Informa a consellaría de que a configuración definitiva da axencia terá lugar no 2015 cando nunha 2ª RPT se reorganizarán as delegacións actuais e se creará unha nova delegación en Santiago e unha unidade administrativa en Ferrol, que pretenden dotar cun cadro de persoal, respectivamente, de 32 e 12 traballadores.

Non será ata ese ano cando se produza o rescate total dos servizos públicos de liquidación de impostos da Xunta que actualmente están en mans das distintas oficinas liquidadoras; ata 2015 na provincia da Coruña, onde se xestiona o 50% das liquidacións, seguirán sendo levadas desde os Rexistros da Propiedade.



Persoal que queda fóra da axencia

En canto ao persoal que queda fóra da futura axencia, a consellaría vai a levar “en paralelo” unha proposta de modificación de RPT da consellaría onde recolocan a este persoal dependendo das unidades centrais relacionadas coas funcións que estaban levando a cabo. Por exemplo: a xente que levaba cuestións de intervención quedará dependendo da Intervención Xeral. A problemática neste punto vén en que a consellaría asegura que conta co propio acordo do persoal afectado cando desde a CIG temos comunicacións de traballadores da Xefatura da Coruña que non dan a entender o mesmo.

Desde a CIG criticamos tamén que esta modificación é algo máis que un cambio de códigos de posto e dependencia senón que aproveitan para perfilar aínda máis un par de postos, sendo o máis chamativo o da xefatura de sección FC.C08.00.005.36001.025, posto ao que se lle engaden méritos máis ao que xa tiña de experiencia en materia de persoal: experiencia en materia tributaria, experiencia en materia orzamentaria e experiencia en materia económica.

Agardamos que haxa unha segunda reunión para poder achegar posturas entre a proposta inicial da consellaría e a nosa que, por certo, é compartida maioritariamente co resto de organizacións sindicais. Esta segunda reunión demostraría que por parte da consellaría hai vontade de negociar e non só pasar un mero trámite empregando o rodillo da súa posición dominante.