O ente público Augas de Galiza adxudica un contrato de portería a IMAN CORPORATION, S.A. por 63.000 € (IVE inlcuído). O custo con persoal propio evitaría unha dilapidación canto menos de 18.000€ de cartos públicos.

A publicación do contrato tivo lugar no perfil do contratante con data 12/12/2012 coincidindo coa propia data da adxudicación dada a natureza de contrato negociado sen publicidade. O obxecto é a prestación de servizos de portería na sede dos servizos centrais do ente en Compostela.

Se consultamos o prego de cláusulas técnicas obsérvase que o servizo está demandando 2 persoas que fagan a labor de portería durante os vindeiros 15 meses. Entre a descrición dos traballos a realizar vemos que estes poderían ser levados a cabo perfectamente por persoal da categoría de ordenanza do persoal laboral grupo V ou tamén a de subalterno dos corpo xerais de persoal funcionario da Xunta de Galiza.

Basta facer uns sinxelos cálculos para chegar á conclusión de que o custo dos mesmos servizos con persoal propio sería de 45.000 € (con gastos sociais incluídos) Tendo en conta que Augas vai ter que abonar 63.000€ con IVE incluído (xa que se trata da prestación dun servizo) supón un despilfarro mínimo de 17.000€ de diñeiro público. E se isto se produce na contratación tan só de 2 traballadores de portería, cabe reflexionar sobre o que se está derrochando, por exemplo, noutras privatizacións máis abultadas dos servizos públicos coma nos servizos sociais.

Non hai que deixar de lado que detrás destes contratos existe un beneficio empresarial que redunda nun empeoramento do servizo, das condicións laborais dos traballadores ou ben de ambos. Que maneira mellor de facer austeridade no gasto que evitando este innecesario "beneficio empresarial" ao desenvolver as funcións con persoal propio?

Desde a CIG-Autonómica defendemos os servizos públicos e os defendemos porque supoñen unha vocación de servizo e non de beneficio, como demostra este caso concreto. En calquera caso, demandamos tamén que os traballos propios do persoal da Xunta de Galiza sigan en mans do persoal propio, máis cando existen categorías ou corpos adecuados e máis cando está é unha opción máis austera.

Accede á plataforma de contratación

Nota remitida aos medios