O pasado 18 de decembro, a sección sindical da CIG de persoal funcionario na provincia de Pontevedra presentou diante da Secretaria Xeral Técnica da Consellaría de Traballo e Benestar unha petición de apertura de expediente disciplinar a un xefe de servizo da Xefatura de Traballo de Vigo por abuso de poder e obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dos dereitos sindicais, entre outras faltas.

Os feitos ocurriron cando este xefe de servizo, con chulería e prepotencia, dirixíuse a uns traballadores dunha oficina de emprego que vestían a camiseta reivindicativa "funcionarios e parados todos estafados”, mediante ameazas coma "non eres funcionario e sí interino" e "se non quitas a camiseta mañán mesmo estas na rúa", que acovardaron de tal xeito aos empregados públicos que alí mesmo retiraron as camisetas e non foron quen de promover as denuncias oportunas polos feitos.

 Nos nosos postos de traballo todos e todas facemos alusións contra os brutais recortes económicos e sociais dos nosos dereitos. Non podemos consentir este asoballamento na Administración Pública. Non só nos condean ao empobrecemento senón que tamén tentan vulnerar a nosa dignidade ao coaccionar o noso dereito á liberdade de expresión.

Pero non imos quedar nin calados/as nin asoballados/as. Queremos fora das administracións ás persoaxes coma o xefe de servizo de formación e colocación da Xefatura Territorial de Vigo da Consellería de Traballo e Benestar, que, amparados na súa posición de superioridade xerárquica, actúan sen o máis mínimo respecto cara as empregadas e empregados públicas/os.