(Corrección: a Delegada Territorial envióu un escrito aos empregados de Vigo desmentindo que se pagase co diñeiro da Xunta esa xornada de traballo que rematou ás 18 horas. Dando por certa esa información, quen pagou o espazo de traballo, o xantar, o café e os desprazamentos ás 29 persoas que asistiron e que non pagaron nada, nin o almorzo nin o xantar  (entrantes, carne, postre e viño)? Papa Noel ou o Apalpador? Inda que fose outra Administración, como a Deputación Provincial, seguiría a ser un despilfarro cando están a recortar os nosos dereitos e salarios. Supoñemos que a Delegada dará ordes de non pagar os gastos de desprazamentos a quenes xa solicitaron o seu pagamento, incluíndo algún taxi que se colleu).

O Edificio Administrativo de Vigo estivo sen xefes de servizo e outros libres designación o pasado martes 18 de decembro. Non foi unha bacteria, nin acudiron en masa a un mitin. Foi, simplemente, un ágape da gobernadora territorial de Vigo, María José Bravo Bosch quen organizou unha “xornada de traballo” con xantar incluido no castelo de Soutomaior.

O evento comezou ás 9:00, “reunión de traballo”, unha pausa ás 10:30 para tomar un café con pastas, seguido dunha achega de ideas por parte dos xefes de servizo e directores de área para preparar equipos de traballo, ás 11:00. Para rematar, xantar ás 14:00 horas, na pousada de Soutomaior ao módico prezo de 70 euros por persoa, aos que hai que engadir os gastos de quilometrase por traslados (60 kms dende Vigo).

 

Á delegada territorial non lle chegan os 200 metros cadrados que ten a súa disposición no 5º andar con salas de xuntas, aulas, sala de prensa, asesores.... senón que ten que facer un exercicio de dispendio dos diñeiros públicos para goce da súa vanidade.

Mentras os empregados públicos sufrimos un empobrecemento brutal -case que o 40% das nosas retribucións nestes últimos 5 anos unha vez engadido o 7% previsto para o vindeiro ano-, a “gobernadora” dilapida o erario público co único fin de mostralas súas plumas e adoutrinar ao persoal de libre designación nas teorías do recorte do gasto e a privatización dos servizos públicos.

A CIG esixe  que cada un dos participantes neste ágape reintegre a totalidade dos gastos ocasionados, case que 100 euros por cabeza ou que, no seu caso, todo o custe sexa devolto pola “gobernadora”  así coma os importes dos outros eventos similares.

A CIG esixe a inmediata  dimisión da “gobernadora” ou a orde de cese de quen pregona a austeridade no servizo público.