Ante o recorte que nos van aplicar, nun acto de covardía, Feijoo afirma que "van recuperar parte do que perderon".

Despois de verter nos últimos meses bágoas de cocodrilo sobre o inxusto que foi recortarlle a extra aos funcionarios, Feijoo intenta aplicar unha medida que nin sequera se contempla nos orzamentos xerais do Estado. Pretende recortarnos outra vez un 7%, algo ao que non está obrigado por ningunha norma básica senón que o fai por vontade propia.

O truco é xogar coas palabras. Van recuperar con respecto ao 2012 significa que tampouco imos cobrar este ano a paga extra ao recortarnos un importe similar á mesma, supoñemos que aplicándollo ao complemento específico dos funcionarios/as e ao de funcións do persoal laboral.

E nun exercicio de cinismo dí que xa negociará cos sindicatos como queremos o recorte. Dende logo a CIG non vai negociar ningún recorte á carta.

Tamén é lamentábel o bulo que comunican á prensa segundo o cal enriba da mesa está a elección dicotómica entre 3000 empregos ou recorte salarial. A información que temos dende a CIG é única e exclusivamente a que coñecemos a través da prensa e da comparecencia de Feijoo, xa que na Comisión de Persoal de onte o director xeral de Función Pública se negou a aclarar ningún termo.

A estratexia de Feijoo é clara. Lanza un ruxe de ruxe dun recorte brutal e despois este e menor. Crea unha expectativa dunha redución salarial brutal e despois recorta en menor contía, pero recorta. A primeira mensaxe é: vouche cortar as dúas pernas e logo amputa unha. Deste xeito, pretende crear a idea nos empregados públicos de que no fondo "non é tan malo".