Trala noticia recibida onte do vindeiro recorte para o 2013 a través dos medios, a organización afirmou que para a próxima traerían a Chuck Norris e non precisamente para entregarlle carbón a Feijoo, como pretendín o Apalpador e Papá Noel.

Unha grande asistencia de traballadoras e traballadores públicos manifestouse hoxe en San Caetano. En principio o acto estaba previsto en reivindicación do cobro da paga extra que nos roubaron, pero as últimas novas con respecto á convocatoria da Mesa Xeral do venres, fixeron que se centrase neste último apartado.

O aumento na participación nesta concentración fai evidentemente que a paciencia está a chegar ao límite, hai un punto de flotación que está a piques de desbordarse, a corda está estirándose cada día máis pero isto vai romper tarde ou cedo. Xa o demostrou esta semana un cidadán afectado polas preferentes no Parlamento, vai pasar algo calquera día.

Non entanto, nunha mostra de civismo por parte deste colectivo traballador público tan puteado, hoxe a concentración transcorreu nun ambiente case festivo, a pesar de todo. A presenza do Apalpador e Papá Noel e un reparto de doces e golosinas recortadas, axudaron a que o ambiente fose moi agradable. Porén, os berros habituais en contra destas políticas austericidas e sen saída non faltaron e o tamén xa tradicional minuto de ruído contra o goberno da Xunta tampouco.

Pola tarde foron moitos os empregados e empregadas públicas que acudiron ás concentracións da Alianza Social Galega. Mañá convidamosvos a facer un "pincho de Nadal" austero diante da EGAP, protestando con nosco. Seguiremos loitando, contra os recortes, contra a chantaxe, contra os insultos á nosa diginiade, pola defensa dos Servizos Públicos.