A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) está a tratar de lavar a súa imaxe con respecto ao fomento e utilización de software libre.

Un exemplo de como o trata de facer pode ser o Premio que se entregou o pasado 11 de decembro a un proxecto de Fin de Carreira no que se utilizaba o software libre. Segundo anunciaba a web da xunta este recoñecemento estaba dotado economicamente con 1000 euros.

As comparacións son odiosas pero pensamos que neste caso necesarias. Podemos comparar ese importe cos máis de 740.000 € que foron adxudicados a Indra ou os case 1,7 millóns a Altia Consultores para mantemento, licenzas e soporte. Se facemos contas podemos comprobar que na última lexislatura foron case 35 millóns de euros os que a Xunta de Feijoo destinou a contratos informáticos sendo, case sempre, os afortunados una destas catro empresas: Indra, Altia, Plexus ou El Corte Inglés e recentemente puidemos ver os máis de 4 millóns de euros que acaba de gastar AMTEGA en licenzas de software privativo como pode ser Microsoft.

As querencias da Xunta de Galicia co Partido Popular non rematan aquí. O pasado 8 de decembro a AMTEGA asinou un contrato co goberno de Panamá a traverso da súa Autoridade Nacional para a Innovación Gubernamental (AIG) para a cooperación de ámbalas dúas axencias tecnolóxicas.

Segundo podemos comprobar esta axencia parece máis unha sucursal de Microsoft que algo gubernamental: ten unha alianza estratéxica coa multinacional americana e fan visitas institucionais as súas intalacións. A multinacional agradécello con premios de volta para afianzar esa ‘alianza estratéxica’ que despois son devoltos pola dita axencia a modo de ‘recoñecementos’ a Microsoft.

Dende a CIG-Autonómica denunciamos a falla da aposta da AMTEGA polo software libre por moito que queira lavar a cara con premios así como a conversión da AMTEGA nunha axencia de palla para entregar recursos económicos a multinacionais das licenzas.

Queremos tamén denunciar a nula aposta polos medios propios e a absoluta externalización a empresas privadas do soporte tecnolóxico estratéxico do país e reiterámonos, unha vez máis,  na creación dunha comisión de control sobre a privatización da administración autonómica que se centrase nos contratos que se puideran considerar como traballo estrutural.