O vernes 28 de decembro ás 19:30 horas diante da oficina de NovaGalicia Banco da Rúa do Paseo de Ourense (diante da estatua da leiteira) manifestaremonos en diversas vilas galegas para berrar que non o imos aturar mais. Que xa non aguantamos!!!

Poderiamos falar de cifras. Das máis de 400.000 execucións hipotecarias que se efectuaron dende 2007, do número de suicidios que esta situación xerou, ou do artigo tal da Constitución.

Poderiamos, pero nesta xornada preferimos falar da inxustiza social, dos culpables deste sistema asasino e das solucións que nos permitan ter unha vivenda digna.
Inxustiza porque levamos anos escoitando a palabra crise, palabra que foi utilizada como arma culpabilizadora contra as familias que “viviron por riba das súas posibilidades”. As familias desafiuzadas non son culpables, senón vítimas dun sistema financeiro atroz que prima o capital por riba dos dereitos individuais e colectivos de
todas nós.

Os culpables desta situación non son entes abstractos. Non son primas de risco, nin subidas ou baixadas do euribor. Os culpables son os políticos e banqueiros que durante dúas décadas soamente se preocuparon de encher o peto sen pensar nin un intre no tipo de crecemento económico que estaban a xerar. Esta burbulla estoupou, pero non nos mollou a todos por igual. Mulleres, migrantes, menores, obreiros e obreiras, somos os que estamos a pagar os excesos de Aznar, Botín e Zapatero. Esta crise non é homoxénea. Nin os efectos dos

desafiuzamentos tampouco. Estamos ante un problema de xénero e de clase, xerado por políticos e banqueiros que seguen a beneficiarse da situación.

Somos nós, homes e mulleres, obreiros, traballadoras, desempregados, etc., os que debemos esixir unha solución a unha lacra que non xeramos e estamos a pagar.
Por iso, esiximos:
Responsabilidades políticas e penais no conxunto da banca estatal.Paralización de todos os procesos de desafiuzamento, Dación en pago con efecto retroactivo, Parqué de alugueiro social das vivendas incautadas pola banca

Porque o dereito a vivenda debe estar á marxe do mercado. Porque non volveremos a pagar os desmáns dos poderosos.

Non pararemos!!!! Xuntas podemos!!!!