O goberno galego, coa súa constitución, anunciou a desparación do Instituto Galego de Estatística (IGE) e a súa integración no Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC). Como xa é habitual na reorganización administrativa deste goberno, a desinformación dos traballadores e do seu futuro é a nota predominante.

Desde a CIG tivemos coñecemento das declaracións dos responsables do Goberno galego, con relación á posibilidade de fusionar vía Lei de Orzamentos o actual Instituto Galego de Estatística e o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable. Porén, por parte de Facenda non se ten convocado ás organizacións sindicais para tratar este asunto.

Dado que existe unha situación de preocupación entre os traballadores destes centros, desde a CIG solicitamos que se realice unha xuntanza para informar sobre os plans existentes para a reorganización do IGE e do CIXTEC, nomeadamente, sobre como afectará ao persoal actualmente adscrito a ese organismo.