altSeguindo co calendario de mobilizacións aprobado en asemblea o xoves día 20 os empregados/as públicos/as do Edificio Administrativo de Pontevedra tivemos unha concentración con café reivindicativa dentro do edificio administrativo, e durante a mañá en horario de 9:30 a 14:30 unha doazón de sangue baixo o lema: Antes de que o PP nos quite o sangue, decidimos doalo voluntariamente.

O resultado da doazón superou todas as expectativas xa que fixeron a extracción perto de 50 persoas, e non puideron ser máis por falla de tempo material xa que a unidade móbil de transfusión non podía alongar o seu horario de presenza a carón do edificio administrativo de Pontevedra, polo que moitos/as compañeiros/as non puideron doar.

E o venres 21 fixemos un xantar reivindicativo ás 14 horas para facer patente que os recortes que se aplican aos/as empregadas públicas, afectan a toda a sociedade. A supresión da paga extraordinaria leva na práctica, entre outros recortes nas economías familiares, á non celebración dos xantares de Nadal que tradicionalmente, como en todas as empresas públicas e privadas, se facía por estas datas.

Houbo unha presenza importante de traballadores e traballadoras, tendo en conta as datas nas que estamos, xa que nos congregamos algo máis de 100 compañeiros.

O xantar tiña como lema inicial 12 uvas, 12 recortes, pero dado que o venres foi o día da mesa xeral na que se anunciou o primeiro recorte para 2013, decidimos engadir unha uva máis polas pagas extraordinarias do vindeiro ano que nos recortan.