Tal e como adiantamos no resumo da última Comisión de Persoal, o director xeral de Función Pública transmitiunos a intención de iniciar co novo ano unha serie de modificacións e propostas de normativa que afecta ao persoal. Entre estas propostas, a primeira que nos achega é a da modificación do Decreto 93/91 de provisión de postos no relativo á redución drástica dos prazos de toma de posesión.

A actual proposta supón un novo recorte nos nosos dereitos ao reducir o tempo para a toma de posesión tralos concursos de 1 mes a 5 días hábiles, no caso de cambio de localidade; tamén se ve afectado o tempo no caso de que non haxa cambio de localidade de 3 a 2 días hábiles. Por librar, non se libran nin o prazo de reingreso ao serivzo activo que pasa de 1 mes a 20 días hábiles. Por outra banda, redefínese o concepto de cambio de localidade como aquel que ocasione un cambio de residencia.

Na Comisión de Persoal o director xeral apuntaba que este cambio normativo ía na liña de homoxeneizar coa normativa da Administración Xeral do Estado. Porén, hai máis preocupación en axilizar a homoxeneización que supón igualarnos por abaixo que a que supón igualarnos por riba en dereitos en flexibilidade de xornada laboral, permisos ou vacacións. Sen ir máis lonxe, no BOE do 29/12/2012, a Secretaría de Estado das Administracións Públicas publicaba unhas instrucións cunha serie de interpretacións sobre os dereitos dos empregados públicos da AXE moito menos restrictivas das que acostuma a aplicar aquí a Xunta de Galiza.

Descargar documentación